Miguel Corgos pondera a estabilidade institucional, económica e xurídica de Galicia como atractivo para os mercados

- Destacou o ‘Estilo Galicia’ como referente de estabilidade fronte ás actuais incertezas do mercado global e nacional
- Na clausura do Finance Date, o conselleiro de Facenda e Administración Pública indicou que o Goberno galego quere axudar ás empresas a ser cada vez máis competitivas
Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2025.- Miguel Corgos ponderou hoxe a estabilidade institucional, económica e xurídica de Galicia como atractivo para os mercados, caracterizados neste momento pola súa complexidade e grao de incerteza. O conselleiro de Facenda e Administración Pública reflexionou sobre os retos da función financeira no escenario actual durante a clausura do Finance Date Galicia, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD).
O responsable da Facenda galega explicou que os mercados mundiais comezan o ano 2025 pendentes das tensións xeopolíticas e a posible recuperación dos prezos da enerxía, mentres que España afronta, ademais, unha crecente presión fiscal, unha elevada débeda pública e o risco derivado de non contar con orzamentos.
Ante esta situación, o ‘Estilo Galicia’ achega certezas e seguridade, de xeito que a Comunidade galega ofrece garantías ás empresas para investir, ademais de contar cun modelo de crecemento baseado na competitividade exterior, que equilibra a evolución do consumo público e privado e o investimento. Galicia ten, ademais, un sistema fiscal competitivo que se complementa co reforzo dos servizos públicos.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública desvelou que a estratexia de Galicia é manter a prudencia nos momentos expansivos da economía para contar con reservas fiscais nos momentos de crise. O éxito deste modelo queda reflectido no avance do peche do exercicio de 2024, cun superávit do 0,2% e cun esforzo investidor do 16,5% do gasto no financeiro, ata os 2.180 millóns de euros, unha das cifras máis altas da historia. Esta estabilidade, abundou Corgos, permite desenvolver unha xestión financeira responsable que logrou reducir o déficit e a débeda galegas.
Miguel Corgos lembrou que a prioridade do Goberno galego para este ano é facilitar o acceso á vivenda, en especial á xuventude, para o que se aprobou un paquete de medidas que fan máis doada tanto a compra como o aluguer.
Ademais, o Goberno galego quere ser un aliado das empresas e axudarlles a ser cada vez máis competitivas, co reforzo da innovación e da capacidade de atraer e reter talento, e tamén apostando pola dixitalización, simplificación e axilización de trámites administrativos.