Miguel Corgos pon en valor o crecemento sostido da economía galega como garante duns Orzamentos que trasladan certezas ás familias e ás empresas
O Conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse hoxe co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e coas organizacións sindicais para dar a coñecer as liñas xerais dos Orzamentos do vindeiro ano

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo en valor hoxe, en sendas reunións co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e coas organizacións sindicais, o crecemento sostido da economía galega como garante duns orzamentos que trasladan certezas ás familias e ás empresas.
Como todos os anos no período de elaboración de Orzamentos, o conselleiro reuniuse esta mañá cos axentes económicos e sociais para dar a coñecer as principais liñas das contas do vindeiro ano.
En canto ao crecemento económico, Miguel Corgos precisou que o Goberno autonómico revisará, por segunda vez, o crecemento para 2024, ata o 2,3%. “Confírmase que Galicia mantén esa senda de crecemento estable que empezou hai xa cinco anos”, dixo, subliñando tamén que a taxa de paro rematará este ano substancialmente por debaixo do 10%, co obxectivo de que no 2025 rolde o 9,1%.
Sobre este punto, o conselleiro de Facenda e Administración Pública afirmou que estas cifras animan á Administración autonómica galega a seguir traballando nesta materia, se ben recoñeceu que aínda queda moito por facer referíndose, a modo de exemplo, á necesidade de encaixar as vacantes coa oferta laboral, un problema xeneralizado en toda Europa.
Durante as reunións, o conselleiro de Facenda e Administración Pública confirmou ademais que 2025 será o segundo ano consecutivo cun orzamento en estabilidade, sen necesidade de novo endebedamento.
Miguel Corgos concluíu facendo fincapé na importancia de presentar uns orzamentos para que as incertezas que existen no ámbito estatal no contexto económico non se trasladen ás familias e ás empresas.