Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos pon en valor ás persoas traballadoras da Administración pública como principal activo para atender con dilixencia e profesionalidade á cidadanía

Miguel Corgos pon en valor ás persoas traballadoras da Administración pública como principal activo para atender con dilixencia e profesionalidade á cidadanía

  • Destacou que unha actitude proactiva da Administración é básica para adiantarse ás necesidades da poboación
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública considera o relevo xeracional como un reto para deseñar os perfís axeitados e unha oportunidade para innovar
  • Afirmou que a nova Lei de IA pon a Galicia nunha situación inmellorable na xestión de trámites, a predición de necesidades sociais e a mellora da atención cidadá

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, louvou hoxe ás persoas traballadoras da Administración como o principal activo para atender con dilixencia e profesionalidade á cidadanía, polo que resulta fundamental coidar a súa selección e favorecer unha formación continúa ao longo da vida laboral.

Miguel Corgos, clausurou hoxe a xornada Modernización do Posto de Traballo Público nas Administracións públicas de Galicia. Alí salientou que ante os retos aos que se enfronta a Comunidade nos vindeiros anos, como o envellecemento da poboación ou a dispersión xeográfica, é perentoria unha xestión aínda máis eficaz. Para iso, “temos que afrontar a modernización do posto de traballo en clave de produtividade e servizo público”. 

Corgos fixo fincapé en que un bo emprego da tecnoloxía, lonxe de substituír ás persoas traballadoras públicas, libéraas de tarefas repetitivas e mellora o seu impacto. Permitiralle, deste xeito, atender a crecente demanda de singularizar, personalizar ou segmentar os servizos públicos. Neste senso, destacou que unha actitude proactiva da Administración é “básica para adiantarse ás necesidades da poboación”.

Cambio organizativo
O responsable da Facenda galega incidiu en que as novas tecnoloxías e unha crecente especialización nas tarefas dos empregados públicos son unha oportunidade para promover un cambio organizativo que permita compartir os recursos de alta especialización entre as diferentes unidades organizativas.

Esta transformación da Función Pública demanda unha colaboración activa co sector privado, un “aliado para achegar experiencia en contornas de traballo modernas”, que pode axudar á Administración a definir o necesario camiño de transformación e a actuación constante de ferramentas e metodoloxías.

Ferramentas intelixentes
Miguel Corgos recalcou que a nova Lei de IA sitúa a Galicia como referente nacional e permitirá aplicar a intelixencia artificial na xestión de trámites, a predición de necesidades sociais e a mellora da atención cidadá. É dicir, a Xunta vai apoiar ao persoal público con ferramentas intelixentes que aumenten a súa capacidade e eficiencia, para acadar o obxectivo de ter unha Administración máis proactiva.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu afirmando que a nova etapa da Función Pública require visión de futuro, e a colaboración para traballar na mesma dirección dos empregados públicos, a cidadanía e o sector privado. E isto vaise conseguir con estratexia, planificación e profesionalidade.