Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos pon a Galicia como exemplo dun modelo económico baseado na solvencia e na estabilidade

Miguel Corgos pon a Galicia como exemplo dun modelo económico baseado na solvencia e na estabilidade

  • O incremento insostible do gasto público e da débeda, a baixa produtividade, un mercado laboral desequilibrado e a excesiva dependencia do turismo son problemas aos que se enfronta a economía española 
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública sinala que os bos datos macroeconómicos non se corresponden coa realidade do conxunto da sociedade 
  • O modelo Galicia presenta un crecemento máis robusto e equilibrado que o da media do Estado 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo Galicia como exemplo dun modelo económico que medra por riba da media de España grazas á súa solvencia e á súa estabilidade. Fíxoo nunha conferencia que pronunciou hoxe, no marco da Asemblea xeral extraordinaria de AGAFAC. 

Alí explicou que o incremento insostible do gasto público e da débeda, a baixa produtividade e competitividade dun mercado laboral desequilibrado e unha excesiva dependencia do turismo son algúns dos principais problemas aos que se enfronta a economía española, ao que se suma unha elevada presión fiscal.

Miguel Corgos sinalou que, a pesar de que os datos macroeconómicos son bos, non teñen reflexo na microeconomía, na realidade do conxunto da sociedade. España non consegue converxer coa UE nin en riqueza, nin en renda, ten a maior taxa de paro en Europa e as cifras da desigualdade tampouco son boas. Para o conselleiro de Facenda resulta claro que se trata dun modelo que, aínda que de momento é sostible no plano macroeconómico, na realidade da microeconomía o país estase empobrecendo.

Modelo Galicia
Miguel Corgos remarcou que, pola contra, o modelo Galicia pon a estabilidade institucional da Xunta ao servizo de cidadáns e empresas e protexe á Comunidade da “inestabilidade instalada en España”, achegando certezas e seguridade. Os Orzamentos 2026 atópanse na fase final da súa tramitación, polo que é previsible que entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro.

Isto consolida o crecemento na Comunidade galega que, no período postpandemia “é máis robusto e equilibrado que a media de España”, segundo explicou o conselleiro. “Temos unha mellor evolución do PIB per cápita, favorecida por unha maior produtividade, que fomenta máis emprego e de mellor calidade e, por tanto, maior renda dispoñible para os fogares”. En conclusión, afirmou Miguel Corgos, os bos datos macroeconómicos na Comunidade galega chegan e benefician ás familias o que redunda en mellores índices de inclusión social e igualdade.

Para o responsable da Facenda galega “a nosa autonomía fiscal permítenos tomar decisións de rebaixas selectivas a colectivos prioritarios e para dinamizar a economía”, logrando así un modelo fiscal competitivo que beneficia ás rendas medias e baixas e que “contrasta co modelo do Goberno central”.

Miguel Corgos aproveitou para lembrar algunhas das prioridades do Goberno galego para o seguinte exercicio, que pasan pola mellora dos servizos públicos, en concreto a sanidade preventiva, as políticas sociais para atender a máis persoas dependentes e a gratuidade do proceso educativo ata a finalización dos estudos superiores. 

O conselleiro de Facenda apostou por aproveitar as fortalezas de Galicia calidade para seguir mellorando o emprego, así como o acceso á vivenda, fortalecer o sector produtivo e apostar pola innovación e polo sector industrial, sen deixar de protexer o medio ambiente e o medio rural.