Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos pide en Bruxelas un modelo de xestión compartida dos fondos europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais

Miguel Corgos pide en Bruxelas un modelo de xestión compartida dos fondos europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública mantivo unha intensa xornada de reunións, que rematou cun encontro con responsables do departamento da Vicepresidencia de Cohesión e Reformas da Comisión Europea
  • Pediu autonomía no deseño e xestión das medidas para abordar os obxectivos das políticas europeas nas rexións, para poder mellorar a converxencia económica, social e territorial, abordando as súas diferentes necesidades
  • Destacou a exemplar execución que Galicia está a realizar dos recursos comunitarios, cun 100% de execución da axuda asignada dos programas operativos rexionais 2014-2020
  • Confirmou que no marco dos fondos Feder e Fondo Social Europeo, a Comunidade xa está a priorizar actuacións en temas clave como o acceso á vivenda ou a descarbonización en sectores industriais como o da automoción
  • Galicia foi a única Comunidade española que acadou unha subvención da Axencia Executiva do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), da que recibirá 60 M€ para o Novo CHUAC, que se suman aos 450 M€ do crédito do BEI

Bruxelas, 11 de abril de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu hoxe en Bruxelas un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais. 

Galicia aposta por unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna onde as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio, como puxeron de manifesto tanto o propio Miguel Corgos como o presidente da Xunta en distintas intervencións no Parlamento Europeo nos últimos meses.

Durante unha intensa xornada de reunións, organizada pola Fundación Galicia Europa,  Miguel Corgos trasladou a visión do Goberno galego sobre unha posible reforma dos fondos de cohesión para o novo marco de actuación e demandou que se aumente o peso que teñen actualmente os gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos. O conselleiro de Facenda admitiu que, se ben Galicia comparte o consenso en relación á reforma da política de cohesión para simplificar os instrumentos de financiamento, teme que estes cambios poidan conducir a unha maior centralización. 

Por iso defendeu o reforzo do papel dos entes territoriais cun modelo de xestión compartida e unha gobernanza a todos os niveis, para lograr unha política de cohesión máis forte e modernizada. Para isto comprometeu a disposición de Galicia a colaborar coas institucións europeas para consensuar as melloras precisas.

Miguel Corgos pediu autonomía no deseño e xestión das medidas para abordar os obxectivos das políticas europeas nas rexións, para poder mellorar a converxencia económica, social e territorial, abordando as súas diferentes necesidades, ao tempo que se respectan os principios de asociación e subsidiariedade da UE.

Nesta liña se desenvolveu a xuntanza que mantivo co director de Cohesión da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, Jorge Núñez, co que conversou sobre o marco actual e futuro da política de cohesión e os novos retos e prioridades da UE, así como da contribución dos fondos de Cohesión 21-27 a estas prioridades.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou a importancia que os fondos da UE teñen no desenvolvemento de Galicia e o esforzo que o Goberno galego fai para optimizar a súa xestión. E destacou, tamén, a exemplar execución que Galicia está a realizar dos recursos comunitarios, cun 100% de execución da axuda asignada dos programas operativos rexionais 2014-2020 de FEDER, FSE e Emprego Xuvenil.

Galicia recibe o 100% dos Fondos de Transición Xunta asignados a España
Miguel Corgos mantivo tamén unha reunión coa directora da Axencia Executiva de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), Paloma Aba, na que constatou que Galicia é a única comunidade autónoma que superou a fase de avaliación da subvención e con estes case 60 M€ recibe o 100% dos Fondos de Transición Xusta asignados a España.

Grazas a conseguir estes recursos, a Consellería de Facenda e Administración Pública puido asinar onte co Banco Europeo de Investimento (BEI) o segundo e último tramo dun préstamo por importe total de 450 M€ para financiar as obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Unha infraestrutura sanitaria estratéxica para Galicia, que ampliará a súa capacidade para atender a unha área sanitaria de 550.000 persoas

Ao longo da xuntanza, Miguel Corgos tivo ocasión de trasladarlle á directora da axencia novos proxectos nos que está a traballar a Xunta de Galicia que poderían ser apoiados a través deste organismo.

Priorizar o acceso á vivenda e a descarbonización 
O responsable da Facenda galega rematou a xornada cun encontro con responsables do departamento da Vicepresidencia de Cohesión e Reformas da Comisión Europea, para abordar os avances realizados xa pola Xunta de cara á revisión intermedia dos programas comunitarios do marco 2021-2027.

Nesta liña, Corgos confirmou que no marco dos fondos Feder e Fondo Social Europeo, a Comunidade xa está a priorizar actuacións en temas clave como a mellora do acceso á vivenda ou a descarbonización en sectores industriais tan importantes para Galicia como o da automoción,  impulsando así a competitividade das empresas.