Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos destaca a aposta da automoción galega pola innovación para afianzar o liderado do sector co apoio da Xunta

Miguel Corgos destaca a aposta da automoción galega pola innovación para afianzar o liderado do sector co apoio da Xunta

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na mesa redonda Automoción, impulso e innovación de España desde a Administración, no marco do V Foro da Asociación Española de Fabricantes de Automóviles y Camiones (ANFAC)
  • Salientou que un de cada cinco vehículos que se producen en España, fabrícase en Galicia
  • Asegurou que a Xunta seguirá apoiando ao que é un dos sectores estratéxicos da Comunidade coa aprobación en breve dun plan director con apoios por máis de 230M€

Madrid, 20 de febreiro 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a aposta da automoción galega pola innovación para afianzar o liderado do sector co apoio da Xunta.

Consciente de que neste momento a industria da automoción está sometido a un proceso de gran transformación, o conselleiro da Facenda galega asegurou que a Xunta seguirá apoiando ao que é un dos sectores estratéxicos da Comunidade, cunha facturación de 13.000M€ e 25.000 empregos. Un de cada cinco vehículos que se producen en España, fabrícase en Galicia.

Nesta liña, Miguel Corgos destacou a aprobación en breve dun plan director elaborado en colaboración coas empresas e que contempla unha folla de ruta 2025-2027 dotada con máis de 230 millóns de euros, para continuar apoiando ao sector na dobre transición verde e dixital.

“Estamos a falar dunha nova liña que potencia tres eixes: a transición ao ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada, a descarbonización dos procesos produtivos e loxísticos e a adopción de modelos de green factory”, explicou, ao tempo que lamentou que o deseño do PERTE VEC implementado polo Estado non recolla na súa totalidade as necesidades reais do sector que pasan, entre outras, polo apoio ao sector auxiliar para garantir o emprego local e evitar a deslocalización de empresas. 

Durante a súa participación na mesa redonda Automoción, impulso e innovación de España desde la Administración, no marco do V Foro da Asociación Española de Fabricantes de Automóviles y Camiones (ANFAC), o conselleiro de Facenda incidiu en que Galicia é unha voz autorizada para influír e contribuír aos avances do sector do automóbil, nun momento crucial para esta industria. “Queremos que os fabricantes miren a Galicia e nos teñan en conta nos seus plans de futuro”, dixo, lembrando que a posición de liderado da Comunidade neste campo permitiu defender medidas como contar con fondos comunitarios específicos ou flexibilizar as normativas e simplificar trámites. 

Sobre este punto, incidiu na necesidade de que o Goberno central adopte con urxencia medidas de planificación que atendan as demandas dos fabricantes, cun Plan Director que responda aos novos paradigmas do mercado.

Miguel Corgos concluíu facendo fincapé en que Galicia continuará comprometida cunha transición enerxética xusta, gradual e que non deixe a ninguén atrás, con axudas como o Plan Renova e incentivos fiscais para adquirir un vehículo máis novo e eficiente, que supoña a retirada das estradas de vehículos antigos, pouco seguros e máis contaminantes.