Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos defende a aplicación de políticas rigorosas, responsables e prudentes para beneficiar aos cidadáns

Miguel Corgos defende a aplicación de políticas rigorosas, responsables e prudentes para beneficiar aos cidadáns

  • Na inauguración do II Congreso Xurídico Solidario, o conselleiro de Facenda e Administración Pública puxo en valor a estabilidade política, institucional e financeira galegas como vantaxe competitiva para as empresas e as familias 
  • Destaca o ‘Estilo Galicia’ para favorecer o crecemento sostible, o emprego e o investimento, con empresas máis fortes e certezas para as xeracións futuras
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que ofreceu un relatorio sobre sustentabilidade empresarial destacou a necesidade de aproveitar “os nosos recursos naturais como factor chave para o noso desenvolvemento económico”

Santiago de Compostela, 19 de febreiro 2025.- Miguel Corgos defendeu hoxe a aplicación de políticas rigorosas, responsables e prudentes, porque con elas gaña a Administración, pero sobre todo benefícianse os cidadáns. O conselleiro de Facenda e Administración Pública expuxo as súas ideas para contribuír desde a Administración autonómica á solvencia do territorio e, por extensión, ao benestar dos seus cidadáns e empresas no marco da inauguración do II Congreso Xurídico Solidario da Fundación Degén.

O responsable da Facenda galega destacou que a receita para trasladar á vida das familias e as empresas o feito de ser unha das Comunidades autónomas máis solventes do país é aplicar o ‘Estilo Galicia’. O reforzo continuo e constante dos servizos públicos, o cumprimento das regras fiscais, para non trasladar problemas ás xeracións futuras, o uso responsable do endebedamento e pagar con axilidade aos provedores contribúen a favorecer o crecemento sostible, o emprego e o investimento, con empresas máis fortes. 

Miguel Corgos puxo en valor a estabilidade política, institucional e financeira galegas como vantaxe competitiva para as empresas e as familias. Así, ponderou a importancia de ter un orzamento en vigor para poder levar a cabo os programas e as medidas do Goberno, con seguridade, achegando certezas e estabilidade, imprescindibles para que as empresas que queiran investir en Galicia teñan as máximas garantías.

Incidiu tamén en que isto se traduce no feito de que na Comunidade galega aumenta a creación de empresas. No ano 2024, dixo, constituíronse un 8,3% máis que no ano anterior e os seus niveis de insolvencia son máis baixos que a media, cun 0,27% de sociedades que tiveron que acollerse a un procedemento concursal no 2024, fronte ao 0,41% da media de España. 

A Xunta de Galicia conta con instrumentos para axudar ás empresas en momentos de dificultade, tanto para as que pasan por un problema transitorio, para que poidan superalo e seguir coa actividade, como para as que chegan a unha situación de insolvencia, para tratar de salvar o proxecto e facelo viable de novo.

O conselleiro de Facenda rematou agradecendo o labor das empresas e pemes que cada día desenvolven o seu labor en Galicia, porque contribúen en grande medida á solvencia da Comunidade. 

Sustentabilidade empresarial
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ofreceu un relatorio sobre sustentabilidade empresarial, onde puxo en valor a importancia de aproveitar “os nosos recursos naturais como factor chave para o noso desenvolvemento económico a medio e longo prazo” e que segundo explicou, é a folla de ruta empregada pola Xunta de Galicia para promover a Lei de Recursos Naturais de Galicia.

Así, subliñou que un dos retos aos que se enfronta Galicia é o de conciliar o trinomio que “forman a descarbonización, a industrialización e o consenso social”, dixo. Neste sentido, destacou que estamos “inmersos nunha nova revolución industrial” na que é fundamental a creación de postos de trabalo e mantemento do sistema de benestar social.

Finalmente a conselleira destacou que Galicia se encontra nun momento económico cheo de oportunidades, cun tecido empresarial excelente, co mellor ciclo exportador da historia “con máis de 31.000 millóns de euros de exportacións en 2024” o que sitúa á Comunidade galega como a quinta que máis exporta”, apuntou.