Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos avoga por un modelo de xestión compartida dos fondos europeos

Miguel Corgos avoga por un modelo de xestión compartida dos fondos europeos

  • O Comité de Seguimento do programa FEDER de Galicia 2021 2027 reuniuse en Santiago de Compostela
  • No encontro valoráronse as accións que a Xunta impulsará relacionadas co ámbito da vivenda e co sector da automoción

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deulles hoxe a benvida en Santiago de Compostela aos membros do Comité de Seguimento do Programa Galicia FEDER 2021-2027, e avogou por un modelo de xestión compartida dos fondos europeos.

Na súa intervención, Miguel Corgos pediu o “reforzo do papel dos entes territoriais, cun modelo de xestión compartida e unha gobernanza multinivel” para lograr unha política de cohesión máis forte e modernizada. 

O conselleiro abordou tamén dous temas prioritarios para Galicia, como son a necesidade periódica de información sobre o grao de avance do programa plurirrexional na Comunidade galega e o futuro da política de cohesión no novo marco financeiro plurianual. Así, demandou “autonomía no deseño e xestión das medidas para abordar os obxectivos das políticas europeas nos nosos territorios”, de xeito que se mellore a “converxencia económica, social e territorial, abordando as nosas diferentes necesidades”, ao tempo que se respectan os principios de asociación e subsidiariedade da UE.

A reunión estivo presidida polo director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío, e por representantes da Autoridade de Xestión do Programa. Ademais, estiveron presentes membros do Ministerio de Hacienda e da Comisión Europea e das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia. 

O programa do Comité incluíu unha visita ao Centro de atención especializada de protonterapia, “un proxecto do período de financiamento 2021-2027 a través do cal a Unión Europea apoia a construción, equipamento e modernización das instalacións”, apuntou Ángel Tarrío. A terapia de protóns é un tipo de radioterapia avanzada no tratamento de tumores e esta actuación “permitirá o tratamento dos pacientes sen necesidade de desprazarse a outros centros situados fóra de Galicia ou de España”, explicou o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos.

Pola súa banda, a subdirectora xeral adxunta de Xestión do FEDER do Ministerio de Facenda, Ana Isabel Vega, destacou a boa marcha do programa en Galicia e reiterou o apoio do Goberno central para contribuír á súa execución. Sinalou, ademais, a importancia dos investimentos europeos no desenvolvemento de infraestruturas clave para o benestar dos cidadáns. “A visita ao novo Centro de protonterapia permítenos comprobar de primeira man como os fondos europeos están mellorando a atención sanitaria, facilitando tratamentos innovadores e reforzando o compromiso cunha sanidade pública de vangarda”, sinalou.

A Comisión Europea, pola súa parte, destacou que neste ciclo de programación do período 21-27, Galicia aposta fortemente pola dixitalización, a eficiencia enerxética, a investigación e innovación e o apoio a empresas, ademais de inversións en mobilidade sostible, adaptación ao cambio climático, sanidade e educación, entre outras iniciativas. No pasado período de financiamento, o programa destinou case o 28 % dos recursos á mitigación das consecuencias da crise da COVID-19 e a preparar o terreo para a recuperación da sociedade trala pandemia. 

Liñas de actuación para vivenda e automoción
No seo do Comité déronse a coñecer os proxectos que a Xunta de Galicia impulsará nos próximos anos en materia de vivenda, cos que se financiará a rehabilitación de edificios destinados a alugueiro social. Ademais, co FEDER apoiarase ao sector da automoción a través do desenvolvemento de proxectos de innovación industrial e levando a cabo medidas de eficiencia enerxética e de emprego de enerxías renovables.

O Comité coñeceu ademais as distintas iniciativas de comunicación e divulgación do destino dos fondos europeos que recibe Galicia. Salientouse, entre outras, a iniciativa de percorrer diferentes localidades galegas cunha exposición itinerante onde se amosarán os proxectos concretos nos que se materializan os fondos europeos recibidos.

A Administración galega xestiona preto de 950M€ de fondos FEDER, o que representa case o 45% dos 2.132 M€ destes recursos destinados á Comunidade Autónoma, mentres que o 55% restante é xestionado pola Administración xeral do Estado. O Programa Galicia FEDER 2021-2027 ten como obxectivo impulsar ata o ano 2029 a transición ecolóxica e dixital de cara a unha Galicia máis competitiva, intelixente, sostible e inclusiva.