Miguel Corgos avanza que no primeiro semestre deste ano celebraranse os exames de 31 procesos selectivos

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que os máis de 13.000 aspirantes destes procesos poderán optar a 1.164 prazas
- Subliñou que esta fin de semana están citados máis de 1.400 aspirantes, que optarán a 585 prazas de promoción interna das categorías: Corpo Auxiliar (C2), Corpo Superior (A1), Corpo de Xestión (A2) e Corpo Administrativo (C1)
- Incidiu no proceso continuado de convocatoria e execución de procesos selectivos que está a levar a cabo o Goberno galego para afrontar a reto de renovación de efectivos e responder ás novas necesidades da Administración e da cidadanías
Santiago de Compostela, 1 de febreiro 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que no primeiro semestre deste ano 2025 celebraranse os exames de 31 procesos selectivos, con máis de 13.000 aspirantes que poderán optar a 1.164 prazas.
Durante unha visita esta mañá á Facultade de Dereito da USC, para supervisar os exames dos procesos selectivos que empezan esta fin de semana, Corgos precisou que entre as especialidades das que se celebrarán os exames ao longo dos vindeiros meses, están: a Escala Técnica de Delineantes, a Escala Técnica de Análise de Laboratorios, a Escala Técnica de Mantemento de Servizos, a Escala Técnica de Finanzas, a Escala de Inspectores de Consumo, a Escala de Xestión de Sistemas de Informática, a Especialidade en Educador Social, a Especialidade de Enfermaría ou o Persoal de Servizos Xerais. Cada unha delas ten xa a súa data concreta de exame publicada na web da Xunta de Galicia.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que desde o Goberno galego estase a executar un número moi importante de procesos selectivos cada ano, tanto para a promoción interna do persoal que xa está traballando na administración como de novas prazas, co obxectivo de ofrecer empregos estables de calidade.
Deste xeito, explicou que, ao longo da xornada de hoxe sábado levaranse a cabo as probas selectivas de promoción interna de tres categorías: Corpo Auxiliar (C2), Corpo Superior (A1) e Corpo de Xestión (A2); e mañá desenvolveranse en Silleda as de promoción interna do Corpo Administrativo (C1). “En total esta fin de semana están citados máis de 1.400 aspirantes, que optarán a 585 prazas de promoción interna destes catro corpos da Administración Autonómica”, abundou.
Miguel Corgos concluíu facendo fincapé co proceso continuado de convocatoria e execución de procesos selectivos que está a levar a cabo o Goberno galego para afrontar a reto de renovación de efectivos e responder ás novas necesidades da Administración e da cidadanía. Todo isto, co compromiso, recordou, de convocar esta lexislatura máis de 4.000 novas prazas.