Miguel Corgos apela ao intercambio de coñecemento e á coordinación como elementos clave para a aplicación dun sistema tributario máis xusto e eficiente

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou nas xornadas organizadas pola Atriga sobre a actualización de actuacións no ámbito tributario autonómico galego
Santiago de Compostela, 6 marzo de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, apelou hoxe ao intercambio de coñecemento, á análise e á coordinación como elementos clave para a aplicación dun sistema tributario máis xusto e eficiente.
Nesta liña, destacou a gran acollida das xornadas organizadas pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) sobre a actualización de actuacións no ámbito tributario autonómico galego. Un foro, dixo, que nace con vocación de permanencia para coñecer, fundamentar e harmonizar criterios nas cuestións máis controvertidas en materia tributaria autonómica.
Con este obxectivo, Miguel Corgos resaltou que a conferencia inaugural, que impartirá a presidenta da Sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, María Dolores Rivera Frade, abordará o tema da tributación das disolucións de condominio e os excesos de adxudicación.
Así mesmo, o tratamento das reducións do imposto de sucesións en negocios, a determinación do valor dos bens ou o tratamento da residencia habitual como punto de conexión para atribuír o rendemento á nosa comunidade autónoma e para determinar a Administración competente para actuar, son algunhas das principais materias que se abordarán nos relatorios destas xornadas, que finalizarán coa conferencia de clausura a cargo de Dimitry Berberoff Ayuda, vicepresidente do Tribunal Supremo.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu agradecendo o interese da convocatoria, non só a nivel de traballadores da administración tributaria autonómica e estatal, senón tamén polo resto de profesionais dedicados ao ámbito tributario.