Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos anima ás empresas a investir en Galicia pola súa solvencia e estabilidade

Miguel Corgos anima ás empresas a investir en Galicia pola súa solvencia e estabilidade

  • O peche orzamentario do 2025 amosa o bo desempeño do territorio, que cumpre cos obxectivos de estabilidade e pecha sen déficit por segundo ano consecutivo
  • A Comunidade galega é referente no conxunto do Estado desde o 2009 en cumprimento das regras fiscais
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou na clausura da xornada Galicia Finance Day que a prioridade do Goberno galego é a blindaxe dos servizos públicos e a diminución nos xuros
  • Estase a realizar a avaliación intermedia do Plan Estratéxico de Galicia 2030 para encarar os retos da segunda metade da década 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026.-  Miguel Corgos destacou hoxe a estabilidade e a solvencia de Galicia como garantías para as empresas que están buscando onde investir. A Comunidade galega aproba os seus orzamentos en tempo e forma, execútaos e rende contas da súa xestión, e ademais é un referente no conxunto do Estado, desde o ano 2009, en cumprimento de regras fiscais.

Durante a clausura da xornada Galicia Finance Day, organizada pola APD, o conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que o peche orzamentario de 2025, que se presentou onte mesmo no Consello da Xunta, amosa o bo desempeño de Galicia, reafirmando “o noso modelo sen déficit, sen débeda, con máis gasto social, máis investimento e menos impostos”.

O responsable da Facenda galega insistiu en que a prioridade do Goberno galego é a blindaxe dos servizos públicos e unha diminución nos xuros de 54 M€, que permitiron dedicar máis recursos ás políticas públicas. Afirmou que na actualidade se destina a gasto social “máis que nunca na historia da nosa comunidade”, polo que unha vez reforzado o gasto social, “a nosa sustentabilidade financeira” permite seguir reforzando o investimento produtivo.

Esforzo investidor
A Xunta realiza o segundo maior esforzo investidor de todas as comunidades, acadando o 14,5 %, o que permitiu, sen necesidade de acudir ao endebedamento, aumentar os investimentos en Sanidade, con 107 M€ máis en hospitais e 24 M€ máis en centros de saúde, tamén en Educación, con 60 M€ máis en centros de ensino. Para construción e fomento de rehabilitación de vivendas dedicáronse 132 M€ máis e 40 M€ en mobilidade sostible, ou 59 M€ máis para a dinamización económica do medio rural, explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública.

Planificación estratéxica
O desenvolvemento do Plan Estratéxico de Galicia 2030 está a favorecer o crecemento sostible na primeira metade da década actual, cun mellor comportamento que a media de España nos anos postpandemia e cifras positivas de creación de emprego e redución do paro. O conselleiro de Facenda salientou que este ano se está a realizar a avaliación intermedia do PEG 2030 para, “cos resultados que academos” encarar os retos para a segunda metade da presente década, sendo o principal “chegar á plena converxencia con España no horizonte 2030”.

Unha planificación que ten que ser, tamén, flexible, e que, xunto cunha Facenda solvente e un orzamento en vigor desde o 1 de xaneiro “nos deu marxe para reaccionar ante situacións como a Guerra de Irán, cun plan de 20 medidas e 157 M€, focalizadas nos sectores máis afectados”, aclarou Miguel Corgos, que dixo que complementan os 120 M€ que achega a Xunta ás medidas fiscais aprobadas polo Goberno central.

IA na Administración autonómica
Así mesmo, o conselleiro de Facenda puxo en valor as tecnoloxías da información e da comunicación na Comunidade galega que son “unha ferramenta fundamental pola nosa dispersión, única en España, e polas necesidades específicas do medio rural”. 

Galicia é xa unha referencia en IA, sendo unha das tres primeiras CC.AA. en aprobar unha estratexia específica, poñendo en marcha o Nodo Galego de IA, coas tres universidades públicas e a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, conseguindo acoller a sede da Aesia e aprobando a primeira lei rexional para o desenvolvemento e impulso da IA, repasou Corgos, que explicou que o seguinte obxectivo é ser tamén líderes en ciberseguridade, para priorizar a protección dos datos e a seguridade das aplicacións tecnolóxicas.