Miguel Corgos afirma que a Xunta seguirá apostando por crear, atraer e reter talento para consolidar un sector tecnolóxico forte
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou o XXXIII Congreso AUTELSI
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe, na inauguración do XXXIII Congreso AUTELSI, que a Xunta seguirá apostando por crear, atraer e reter talento para consolidar un sector tecnolóxico forte.
Durante o acto, ao que tamén asistiu o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, o conselleiro de Facenda destacou que, desde o primeiro momento, a Xunta viu o proceso de transformación dixital como unha vía para manter a singularidade de Galicia, o seu potencial de desenvolvemento, calidade e esperanza de vida, sen as limitacións que puidera representar o ser unha rexión periférica, cunha orografía complexa e unha poboación moi dispersa, cunha porcentaxe elevada de persoas maiores.
“Por iso, a conectividade do territorio e a extensión da tecnoloxía aos servizos públicos foron os principais obxectivos das dúas primeiras axendas dixitais que se puxeron en marcha entre os anos 2010 e 2020”, dixo, incidindo na aposta da comunidade por esta nova tecnoloxía e por unir forzas para situar Galicia á vangarda en Europa.
Nesta liña, o conselleiro destacou o éxito colectivo que supuxo situar en Galicia a sede da Axencia Española de Supervisión da IA (AESIA); a aprobación da primeira lei europea para o desenvolvemento da intelixencia artificial; ou lograr unha das dúas únicas fábricas europeas de IA en España, cun orzamento de 82 millóns de euros, que acelerará a investigación e a innovación no ámbito da saúde.
Tralo traballo realizado, Corgos recordou tamén que, neste momento, a visión do Goberno galego plásmase na Estratexia Galicia Dixital 2030, centrada no uso das tecnoloxías ao servizo das persoas, para acadar unha Administración e uns servizos públicos máis eficaces, máis personalizados, máis accesibles e máis seguros.
Ao respecto, referiuse á Plataforma de automatizacións da Xunta, que libera aos traballadores públicos de tarefas rutineiras e repetitivas; ao Nodo de información cidadá, que permitirá á cidadanía dispor dun sistema único de identificación segura para facer os seus trámites, accedendo a toda a información que lle interesa, reducindo a burocracia e simplificando os procedementos; ou aos servizos proactivos, para anticiparse ás necesidades dos cidadáns.
O conselleiro de Facenda concluíu incidindo en que Galicia seguirá apostando pola especialización tecnolóxica da rexión; pola creación, atracción e retención de talento e pola consolidación dun sector privado tecnolóxico forte, cuxa presencia e importancia non parou de crecer nos últimos años.