Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Máis do 92% dos galegos e galegas emprega internet e máis da metade compra online

Máis do 92% dos galegos e galegas emprega internet e máis da metade compra online

  • Oito de cada dez galegos utiliza a banca electrónica, superando en tres puntos a media estatal 
  • Máis do 80% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, o que reduce a fenda coa media estatal de 10 puntos a 2,6 en só catro anos
  • Os fogares galegos con conexión a internet superan o 95% e sitúanse a menos de dous puntos da media estatal 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024.- O 92,5% dos galegos e galegas de entre 16 e 74 anos usan internet e o 53,6% comprou online nos últimos tres meses, 5,1 máis que o ano anterior e a só 3 puntos da media estatal. Tamén sobe a porcentaxe de persoas que vendeu por internet nun ultimo ano, que acada o 19,6%. 

Son datos publicados hoxe polo INE sobre os Fogares e as TIC, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que sinalan, tamén, que a totalidade de galegos e galegas de 16 a 34 anos empregan Internet por riba da media do Estado. 

Uso das TIC 
Ata os 44 anos, os galegos superan a media estatal das compras online. Por tramos de idade, os galegos de 16 a 24 anos superan a media do estado en máis de 15 puntos e en case 10 puntos, os galegos e galegas de 25 a 34 anos.

No último ano, o 83,2% de galegos e galegas realizou actividades relacionadas co entretemento como escoitar ou ver contidos de vídeos en sitios para compartir (70,1%), descargar música (68,3%) ou ver vídeos baixo demanda en plataformas comerciais (60,3%).

Tamén destaca o uso da banca online, que empregan o 77,8% dos galegas e as galegas, cun crecemento dun punto no último ano, o que mantén este indicador tres puntos por enriba da media estatal.

Equipamento no fogar e uso de internet
O 80,4% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, co que Galicia segue crecendo e dende 2020 pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.

O 95,1% dos fogares galegos contan con conexión a internet, subindo case o dobre que o estado no último ano, o que sitúa á Comunidade, por primeira vez, a menos de dous puntos porcentuais da media estatal. Tanto nos concellos grandes como nos pequenos supérase o 91,5% de fogares con conexión á rede.

O 83,1% dos fogares contan con banda larga fixa, despois de crecer un 11,7% no último ano, cerca do dobre que a media estatal.

Os datos do INE sinalan, tamén, que en Galicia o 38,4% dos fogares conta con dispositivos IOT, aparellos conectados a internet. Destaca o uso do asistente virtual en forma de altofalante intelixente ou app, que se sitúa no 24,2%. Os electrodomésticos con conexión a internet soben con forza, un 18,4% nos dous últimos anos, xa están no 18% dos fogares galegos.

Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet
O 82,2% dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou apps das Administracións Públicas no último anos por motivos particulares, cun valor case idéntico á media estatal. 

Respecto do uso de servizos relacionados coa administración, Galicia, co 60,1%, supera a media de persoas que concerta citas con servizos médicos. O 32,7% fai presentación da declaración de impostos online e o 59,2% realiza interaccións coa administración relacionadas co acceso a información.