Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Máis de 30 entidades do Nodo CIBER.gal unen esforzos para sensibilizar e capacitar ás empresas galegas en ciberseguridade

Máis de 30 entidades do Nodo CIBER.gal unen esforzos para sensibilizar e capacitar ás empresas galegas en ciberseguridade

  • O grupo de traballo de Empresas do Nodo realizará unhas 20 actividades ata xuño, que consolidan a colaboración público-privada para facer fronte aos retos da seguridade da información no entorno empresarial
  • Haberá obradoiros prácticos, cesión de ferramentas e recursos, asesoramento de expertos, xeración de coñecemento e creación de pílulas formativas adaptadas
  • No pasado ciclo de actuacións, máis de 300 profesionais beneficiáronse da actividade xerada polo grupo de empresas CIBER.gal

Santiago de Compostela, 01 abril de 2025.- O Nodo CIBER.gal anunciou a posta en marcha dun ciclo de actividades de sensibilización e capacitación dirixidas ao tecido empresarial de Galicia, que é o resultado da implicación de máis de 30 entidades vinculadas a esta estrutura de colaboración público-privada promovida polas Xunta de Galicia.

O ciclo, que desenvolverá unhas 20 actividades ata xuño deste ano, foi deseñado polo grupo de traballo de Empresas do Nodo co obxectivo de consolidar a Galicia como un referente en ciberseguridade e garantir unha contorna dixital segura.

As actividades centraranse en sensibilizar e capacitar ás empresas de Galicia en prácticas e coñecementos sobre a materia, ademais de ofrecer un ámbito de colaboración e de acceso a recursos chave que permitan ás empresas mellorar as súas capacidades fronte a ameazas. Estas actuacións centraranse en cinco áreas: obradoiros prácticos sobre ciberseguridade; cesión de ferramentas e recursos de valor; consulta a expertos en seguridade dixital; xeración de coñecemento e almacenamento de documentación especializada; e creación de pílulas formativas adaptadas ás necesidades das empresas.

No último ciclo de actividades do grupo de traballo de Empresas participaron máis de 20 entidades colaboradoras do Nodo que levaron a cabo cerca de 20 actividades, das que se beneficiaron máis de 300 profesionais.

Dende a súa creación, o Nodo CIBER.gal aliñou as súas iniciativas cos obxectivos estratéxicos de Galicia en ciberseguridade, e apoiou a sensibilización e capacitación de colectivos chave na cidadanía, o tecido empresarial e a Administración pública.

A programación poderase coñecer a través da web ciberseguridadegalicia.gal, na que as empresas e profesionais interesados poden dispoñer de toda a información necesaria para participar.