Máis de 1.100 centros educativos públicos empregan as solucións de software libre ofrecidas pola xunta para dispoñer de páxinas web e aprendizaxe virtual
- O proxecto Webs Dinámicas da Administración autonómica cumpre 20 anos e conta con máis de 75.000 persoas autenticadas que as usan diariamente
- A solidez da infraestrutura, que conta con sistemas de respaldo, copias de seguridade e garantía de protección dos datos, foi esencial para manter a actividade lectiva durante a pandemia.
- Na actualidade, o modelo avanza para adaptarse ao uso en dispositivos móbiles e para ofrecer unha interface máis moderna e adaptada á imaxe dos centros
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2026.- O proxecto Webs Dinámicas, desenvolvido con solucións de software libre pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), cumpre 20 anos ao servizo dos centros educativos públicos da Comunidade.
Na actualidade hai xa máis de 1.100 centros integrados na rede, que lles permite crear a súa propia páxina web, dispoñer dunha plataforma de aprendizaxe virtual e crear galerías de imaxes. Esta plataforma é usada diariamente por unha media de máis de 75.000 persoas autenticadas. Ademais, recibe un elevado número de visitas de persoas usuarias non autenticadas, o que incrementa significativamente o seu alcance e visibilidade.
O proxecto é un exemplo de coordinación e innovación sostida grazas á implicación do persoal asesor Abalar de zona da Amtega, que leva dúas décadas acompañando aos centros e prestando apoio constante na súa evolución e adaptación.
As webs dinámicas para educación sitúanse no marco das iniciativas da Xunta en software libre e susténtanse en tres aplicacións fundamentais: Drupal, para a creación e xestión de páxinas web; Moodle, como plataforma de aprendizaxe virtual; e Coppermine, destinada á publicación de galerías de imaxes. Na actualidade, o sistema está en proceso de actualización cara a unha nova versión de Drupal, que incorpora melloras significativas, como unha mellor visualización en dispositivos móbiles, unha interface máis moderna, e unha maior coherencia visual conforme á identidade corporativa dos centros educativos.