Hoxe entran en vigor os Orzamentos de Galicia para este ano 2025 con novas rebaixas fiscais para as familias e as empresas

- As contas para os vindeiros doce meses son os máis altos da historia, con preto de 14.000 millóns de euros
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro 2025.- Hoxe entran en vigor os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para este ano 2024 que ascenden a 13.954 millóns de euros.
Os recursos orzamentarios de 2025 recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continuo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para iso se destina unha cifra que supera por primeira vez os 10.000 M€, ata alcanzar os 10.227 millóns. Isto quere dicir que un 74% do Orzamento, tres de cada catro euros, se destinan ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego, cun incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano.
As contas para este ano responden tamén á grande aposta do Goberno galego pola vivenda, cun orzamento de 221M€. E consolidan o modelo tributario galego que se caracteriza pola autonomía fiscal, a responsabilidade -que fai compatible a rebaixa da presión fiscal co reforzo dos servizos públicos- e que é sostible, xa que consolida as medidas no tempo, en función da conxuntura económica, o que fai de Galicia un territorio fiscalmente competitivo.
Os colectivos prioritarios para aplicar estes beneficios son as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas e os colectivos vulnerables, ao tempo que se favorece aos sectores estratéxicos da economía.
Así, Galicia é xa a Comunidade con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos. As contas de 2025 contemplan unha nova redución deste imposto para que os primeiros 25.000 euros das herdanzas entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras no paguen nada, e para que as herdanzas superiores paguen menos por esta redución. Con esta reforma, dous de cada tres herdeiros non tributarán.
Para reforzar a aposta da Xunta pola vivenda, tómanse tamén medidas fiscais, como a bonificación do 75% dos Actos Xurídicos Documentados (AXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios destinados ao aluguer, de xeito que se incentive a oferta de vivendas en alugueiro. Ademais, as persoas que merquen locais comerciais para vivenda beneficiaranse tamén dos tipos reducidos en Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e AXD dos colectivos prioritarios.
Estas dúas medidas reforzan a rebaixa xa en vigor de tipos reducidos para a compra de vivenda para rehabilitación (6% de ITP e 4% en zonas pouco poboadas).
Ademais haberá unha dedución no IRPF, de 500 euros polo arrendamento de vivendas baleiras, así como un 15% máis para os gastos de rehabilitación dun inmoble baleiro para destinalo ao arrendamento como vivenda, por un importe máximo de 3.000 euros ao ano, durante tres exercicios. Os inmobles teñen que levar, polo menos, 1 ano baleiros; que estea arrendado nun prazo máximo de 6 meses dende a data de finalización da obra e que o valor do inmoble non supere os 250.000€.