Gobernanza dixital, sostibilidade do investimento e talento centrarán as políticas de dixitalización das comunidades autónomas

- A Xunta participou no primeiro Encontro de Equipos TIC autonómicos que se celebrou en Madrid no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas
- Os equipos encargados da transformación dixital discutiron sobre o futuro da modernización tecnolóxica tras o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR)
Madrid, 2 de novembro de 2024.- Aspectos como os novos modelos de gobernanza dixital, a sostibilidade do investimento en tecnoloxías da información ou a xeración, atracción e retención de talento caracterizarán o futuro inmediato das políticas de modernización tecnolóxica das Comunidades Autónomas españolas. Estas son algunhas das conclusións do primeiro Encontro de Equipos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) autonómicos que se celebrou esta semana en Madrid e no que participou a Xunta de Galicia.
No marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas, os equipos de todos os territorios do Estado discutiron sobre o futuro deste ámbito tras o período expansivo que representou o Mecanismos de Recuperación e Resiliencia (MRR).
A Xunta estivo representada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, ao que acompañaron os responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e a Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.
Os expertos en dixitalización tamén abordaron aspectos como a xestión de provedores tecnolóxicos, a implantación de grandes sistemas de información, o funcionamento dos servizos de emerxencias ou o establecemento de convenios para a prestación de servizos de administración electrónica
O encontro foi organizado pola Comunidade de Madrid e terá continuidade nos vindeiros anos, nos que corresponderá a outras comunidades autónomas organizalo.