Galicia terá un Observatorio do xogo encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo responsable e seguro
Galicia terá un Observatorio Galego do Xogo, encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo responsable e seguro. Isto permitirá que a entidade reguladora do xogo na comunidade conte con datos obxectivos e contrastables para adaptar as políticas públicas ás necesidades sociais.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou esta iniciativa ao Consello de Goberno, lembrando que a creación deste Observatorio está contemplada na Lei reguladora dos xogos de Galicia, á vangarda das normativas reguladores do sector en España.
As principais funcións deste órgano serán, ademais de realizar propostas e recomendacións acerca de normas e políticas públicas, promover campañas de sensibilización e prevención de xogo responsable e seguro, así como en materia de igualdade de xénero neste ámbito. Tamén coñecer, analizar e difundir información acerca da situación do xogo en Galicia.
O Observatorio poderá tamén promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións e facer seguimento da normativa de xogo en materia de publicidade, así como fomentar o coñecemento e o intercambio de información con outras institucións a nivel nacional e internacional relacionadas co sector do xogo.
Para levar a cabo os seus cometidos, o Observatorio contará cun pleno composto por unha presidencia e varias vogalías nas que, respectando o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, estarán representadas as consellerías con competencias en materia de seguridade e coordinación, sanidade, xuventude, educación, deportes e facenda, así como unha persoa representante de cada unha das tres universidades galegas, unha representación dos sectores do xogo, outra das asociacións de loita contra adiccións nesta materia e tamén unha persoa das asociacións de nais e pais galegas.
Unha lei garantista e á vangarda
O Goberno galego quere garantir que o xogo sexa unha actividade responsable e segura. De aí a entrada en vigor da Lei 3/2023 de 4 de xullo reguladora dos xogos de Galicia, un marco legal para fomentar un xogo que pon por diante a prevención e a protección dos usuarios, con especial atención aos menores e aos colectivos máis vulnerables.
Trátase dunha norma esixente, que serve como modelo parar outras comunidades que están actualizando as súas lexislacións. A lei prohibe, entre outras cousas, a concesión de créditos ás persoas usuarias dos xogos, de bonificacións e partidas gratuítas; veta a publicidade dos xogos de competencia autonómica na radio e na televisión de Galicia, cun réxime moi estrito en relación á promoción, propaganda, patrocinio e publicidade destas actividades, así como á publicidade na vía pública e medios de transporte.
A normativa recolle tamén o deber de que todos os establecementos teñan un control de acceso que impida a entrada de menores e das persoas inscritas no Rexistro de Prohibidos. E duplica a distancia á que terán que situarse os establecementos de xogo en relación aos centros oficiais de ensino regrado a menores de idade, e centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas.
Así mesmo, a lei fixa un límite máximo de establecementos e establece un concurso público para poder acceder ás novas autorizacións de instalacións. E, en relación ás máquinas de xogo, recolle tamén medias de prevención dirixidas a planificar e limitar o xogo en comecartos e apostas, limitando a dúas o número de máquinas que poden instalarse nos locais de restauración e ocio.
A creación do Observatorio Galego do Xogo é un chanzo máis no obxectivo do Goberno galego de garantir un modelo de xogo responsable que permita conxugar unha actividade regrada e normativizada coa protección dos colectivos máis vulnerables.