Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia reduciu a súa débeda en 233M€ no 2024 e prevé pechar o ano cunha ratio débeda PIB do 14,5%

Galicia reduciu a súa débeda en 233M€ no 2024 e prevé pechar o ano cunha ratio débeda PIB do 14,5%

  • A prudencia na xestión da débeda permite que o custe medio da carteira de débeda ao peche do 2024 sexa do 1,55%
  • A Xunta traslada a preocupación polo impacto nas previsións financeiras do retraso no cobro das entregas a conta do sistema de financiamento autonómico, que o ano pasado supuxo un sobre custo de 10M€ en pago de xuros

Galicia reduciu a súa débeda en 233 M€ durante o ano 2024 e prevé pechar o ano cunha ratio débeda/PiB do 14,5% o que a sitúa preto dos niveis do ano 2011. Son datos do informe sobre a execución do programa de endebedamento 2024 e estratexia de financiamento 2025 presentado ao Consello de Goberno polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Para logralo, a execución do programa de financiamento rexerase pola prudencia na xestión da débeda e a diversificación nos provedores e investidores. Como en anos anteriores, o Goberno galego optará por préstamos bilaterais tanto con entidades financeiras como con entidades públicas, así como con emisión de débeda pública.
Estrutura da débeda en Galicia
A estrutura da débeda galega reflicte a prudencia na súa xestión, o que permitiu suavizar o impacto derivado do endurecemento das condicións de financiamento como resposta ás fortes tensións inflacionistas. Iso permitiu que o custe medio da carteira de débeda ao peche do ano 2024 fose do 1,55% a pesar do forte incremento que experimentaron os tipos de xuro nos últimos tres anos. 

O informe conclúe tamén que o programa de endebedamento de 2024 se executou de acordo co previsto, cunha distribución cauta entre as distintas modalidades de financiamento: emisión sostible, préstamos BEI e préstamos con entidades financeiras privadas. 

Galicia segue, deste xeito, coa liña de financiamento sostible iniciada no ano 2020 e confirmada no Plan Estratéxico de Galicia 2030, que levou á aprobación do novo marco de financiamento o ano pasado, a través do cal a Comunidade avanza no desenvolvemento de investimentos en proxectos beneficiosos para a sociedade e o medio ambiente. 

A pesar dos bos resultados acadados ata o momento, o Goberno galego amosou a súa preocupación polo impacto que poida ter nas súas previsións o retraso no cobro das entregas a conta do sistema de financiamento autonómico, que o ano pasado supuxo un sobre custo de 10M€ en pago de xuros.