Galicia prevé pechar o 2024 cun nivel de débeda pública inferior á que tiña no ano 2012

- Segundo os últimos datos do Banco Central, reduciuse no terceiro trimestre en 929 M€ e sitúase no 15%, o que supón un nivel de débeda 6,3 puntos inferior á media das CC.AA.
- Cun 3,6 % do total, a galega é unha das Comunidades autónomas menos endebedadas, moi lonxe dos niveis de Cataluña (26,7%), Valencia (17,9 %), Andalucía (12 %) ou Madrid (11,1%)
- As liñas de crédito das que tivo que botar man a Tesourería polos atrasos nos pagamentos a conta do Goberno central xa foron devoltas e non hai previsión de que se teñan que volver a empregar
Galicia prevé pechar o ano 2024 non só cun nivel de débeda pública inferior ao que tiña antes da pandemia, senón por debaixo dos niveis do ano 2012, tal e como se deu a coñecer hoxe nun informe presentado no Consello da Xunta.
Os atrasos do Goberno central no pagamento das entregas a conta provocaron no segundo trimestre deste ano un aumento da ratio débeda/PIB motivado pola necesidade de subscribir pólizas de crédito cun custo financeiro de máis de 10 M€. Pero na actualidade esas iñas de crédito xa foron devoltas e non hai previsión de que se teñan que volver a empregar.
A previsión de peche do exercicio 2024 pasa por acadar un volume de endebedamento de 11.937 M€, o que supón unha redución de 233 millóns con respecto ao peche do exercicio anterior.
Segundo os últimos datos do Banco Central que se deron a coñecer a semana pasada, a débeda pública galega reduciuse no terceiro trimestre do ano ata o 15% do PIB. A ratio débeda/PIB de Galicia é 1,3 décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior e sitúase 6,3 puntos por baixo da media das Comunidades autónomas. A débeda pública galega descendeu neste terceiro trimestre 929 millóns de euros.
En comparación coas outras CC.AA., a débeda galega supón unicamente o 3,6 % do total, moi lonxe da de Comunidades como Cataluña (26,7%), Valencia (17,9 %), Andalucía (12 %) ou Madrid (11,1 %), e en termos moi similares aos do País Vasco (3,3 %), Baleares (2,6 %) ou Aragón (2,8 %).
A débeda media por habitante no terceiro trimestre ascende a 6.806 euros. As Comunidades de Valencia, Murcia, Cataluña, Castela a Mancha, Baleares e Aragón están por riba da media. No caso de Galicia, a débeda per capita sitúase nos 4.481 euros por habitante, 2.325 euros menos que a media das CC.AA.
Evolución da débeda pública
Tomando como referencia a débeda anterior ao inicio da pandemia, as Administracións públicas no seu conxunto incrementaron o seu endebedamento un 33,6% con respecto ao peche do ano 2019. A maior parte deste incremento ven motivado pola débeda da Administración do Estado, a Administración central sube un 37,3% (1.172.759 M€) e a Seguridade Social un 106% (107.136 M€).
Neste período Galicia incrementou a súa débeda nun 7,4%, fronte ao 12,9% das CCAA.
Galicia, despois de elevar o nivel de débeda como consecuencia da emerxencia sanitaria, volveu á senda de redución do endebedamento, que sitúa a súa ratio non só por debaixo do nivel pre-covid, senón por debaixo dos niveis do ano 2012.
Volume de débeda
Todos estes datos, procedentes do Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) elaborados polo Banco de España, ratifican que Galicia é a comunidade con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as CC.AA.
Cómpre lembrar que Galicia elaborou os orzamentos para 2024 sen endebedamento, por primeira vez nos últimos 16 anos, e as contas para 2025 seguen a mesma liña.