Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia pechou 2024 cun superávit do 0,2%, acadando o 100% de execución e reducindo a débeda

Galicia pechou 2024 cun superávit do 0,2%, acadando o 100% de execución e reducindo a débeda

  • O esforzo investidor acadou o 16,5% dos gastos non financeiros e a débeda reduciuse en 223 M€, incrementándose o investimento real en máis de 200 M€ con respecto ao ano anterior
  • O ano pasado reforzáronse os gastos correntes, principalmente vinculados a Sanidade, Educación e Servizos Sociais, con máis de 772 M€, cunha execución do 106%
  • O saldo positivo débese a que Galicia recibiu unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista que permitiu recuperar a concesión de catro autovías cun aforro de máis de 330 M€ nos exercicios futuros
  • O informe presentado ao Consello polo titular da Consellería de Facenda e Administración Pública salienta que o exercicio se pechou cunha execución orzamentaria do 100%
  • A Administración galega situouse, un ano máis, entre as CC.AA. que pagou aos seus provedores con maior axilidade: 16,5 días de media

Santiago de Compostela, 10 de febreiro 2025.- Galicia pechou 2024 cun superávit do 0,2%, acadando o 100% de execución con 846,5 millóns de euros máis gastados respecto ao 2023 e reducindo a débeda. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta polo titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, relativo ao peche do exercicio do ano 2024.

O esforzo investidor da Comunidade alcanzou o 16,5%, manténdose nas cifras máximas xa acadadas en 2023 (16%). Máis polo miúdo, o informe precisa que a Xunta investiu 2.181M€, unha das cifras máis altas da historia, incrementándose o investimento real en máis de 200 millóns de euros con respecto ao ano anterior. Tamén se reforzaron os gastos correntes, principalmente vinculados a Sanidade, Educación e Servizos Sociais, con máis de 772 millóns de euros, que elevaron a súa execución ao 106%.

O documento destaca que o saldo positivo do superávit débese a que Galicia recibiu unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista que permitiu a recuperación da concesión de catro autovías, cun aforro de 342 millóns de euros nos exercicios futuros. Esta operación ten carácter financeiro e, polo tanto, non ten impacto no cálculo do saldo.

A débeda reduciuse en 233 millóns de euros, rebaixando a ratio débeda/PIB 1,2 puntos nun so ano, ata o 14,5%, mellorando a previsión desta magnitude no Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030 para este exercicio (16,6%). En catro anos, a Xunta reduciu un 25% esta ratio.

Pago a provedores 
Por outra banda, a Administración galega situouse, un ano máis, entre as CC.AA. que pagou aos seus provedores con maior axilidade: 16,5 días de media en 2024. Esta axilidade beneficia aos provedores que traballan coa Xunta, pois favorece a súa liquidez, tendo en conta que moitos deles son pemes e mesmo autónomos. Por iso, o Goberno galego reafirma o seu compromiso con seguir pagando coa máxima axilidade posible.