Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia participa na elaboración do V Plan de Goberno aberto para afondar na transparencia, a participación cidadá e a rendición de contas

Galicia participa na elaboración do V Plan de Goberno aberto para afondar na transparencia, a participación cidadá e a rendición de contas

  • O director xeral de Simplificación, José María Barreiro, interveu hoxe no Pleno do Foro de Goberno Aberto no que se avaliou o plan 2020-2024
  • A Xunta remitiu xa os seus compromisos para o novo plan 2025-2029 que pasan pola simplificación dos procedementos administrativos e o impulso á súa dixitalización, entre outros

Santiago de Compostela, 12 de marzo 2025.- Galicia participa na elaboración do V Plan de Goberno aberto para afondar na transparencia, a participación cidadá e a rendición de contas.  O director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, representou á Xunta por videoconferencia no Pleno do Foro de Goberno Aberto que tivo lugar hoxe en Toledo. 

O Foro é un espazo de participación e diálogo permanente entre as Administracións públicas, estatal, autonómicas e locais, e a sociedade civil, que participan con igual número de representantes. O seu obxectivo é fomentar unha cultura de gobernanza baixo os principios de transparencia, integridade, rendición de contas e participación cidadá para apoiar a democracia e o crecemento inclusivo.

O Pleno está a preparar o V Plan de Goberno Aberto 2025-2029 que debe aprobarse este ano. Galicia xa remitiu os seus compromisos, que se centran en impulsar e fortalecer a participación da cidadanía, continuar mellorando na transparencia, a calidade e a accesibilidade da información, profundar na simplificación dos procedementos administrativos, impulsar a súa dixitalización e automatización e dar un pulo ao ofrecemento e prestación de servizos públicos de forma proactiva á cidadanía, co obxectivo de conseguir unha administración máis personalizada, áxil e próxima.

Tamén se avaliou o plan que rematou o ano pasado, no que Galicia asumira 22 compromisos dos que unha ampla maioría (preto do 82%) están finalizados e un 9% máis case completados. 

O Pleno do Foro ocupouse tamén da preparación da Semana da Administración Aberta, na que a Xunta participa desde hai anos organizando actividades e xornadas de participación social nas que se implican o conxunto das consellerías. O ano pasado, Galicia organizou 21 actividades que contaron  con máis de un milleiro de participantes nos diferentes eventos, desde xornadas de portas abertas ata procesos participativos, accións formativas e presentacións de ferramentas web.