Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia defende un orzamento europeo que priorice as políticas de cohesión e con autonomía para as rexións

Galicia defende un orzamento europeo que priorice as políticas de cohesión e con autonomía para as rexións

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública sinalou que o programa contribúe a responder aos retos sinalados nas recomendacións específicas por país
  • O Comité de Seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027 reuniuse en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025.- Galicia defende un orzamento europeo acorde coas prioridades da Unión, como a competitividade global, a innovación tecnolóxica, a transición enerxética ou a vivenda, sen esquecer por iso a política de cohesión, nun contexto no que as rexións teñan autonomía para deseñar e xestionar as accións precisas para abordar os retos do seu territorio. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sinalou que o programa contribúe a responder aos retos sinalados nas recomendacións específicas por país. Fíxoo durante a benvida aos membros do Comité de Seguimento do programa Galicia FSE+ Galicia 2021-2027  hoxe en Santiago de Compostela, onde destacou que, co apoio deste programa, xa se beneficiaron máis de 181.000 persoas en Galicia. 

O responsable da Facenda galega lembrou que o programa, durante o seu período de vixencia, financiou xa actuacións consolidadas dentro dos ámbitos do emprego e o emprendemento, a educación, a formación, a inclusión social ou o emprego xuvenil. 

Miguel Corgos destacou tamén outras actuacións “novidosas e incluso innovadoras” levadas a cabo con este financiamento, como as relacionadas coa garantía infantil, a saúde mental ou a formación vencellada a sectores estratéxicos. Quixo poñer en valor, ademais, que coa revisión intermedia do programa fíxose fronte aos novos retos e prioridades da UE, como “as preocupacións sociais relacionadas co acceso á vivenda ou a capacitación e reciclaxe profesionais para mellorar a empregabilidade e a competitividade”

No que se refire ao novo marco financeiro plurianual 2028-2034, o conselleiro de Facenda avogou por preservar e reforzar a dimensión social da política de cohesión, garantindo unha dotación financeira pre-asignada, suficiente e específica” para os obxectivos propios do Fondo Social Europeo Plus. Nese sentido, Corgos afirmou que “compartimos a posición defendida polo Parlamento Europeo en favor dun FSE+ sólido, con identidade propia e recursos axeitados”, para seguir impulsando as políticas de emprego, educación, formación e inclusión social.

A reunión, na que se fai balance da situación e o grado de avance do programa FSE+ Galicia 2021-2027, estivo presidida polo director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío, e por representantes da Autoridade de Xestión, a UAFSE (Unidade Administradora do FSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Ademais, estiveron presentes membros da Comisión Europea e das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia.