Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia debate a primeira lexislación rexional para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas

Galicia debate a primeira lexislación rexional para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas

  • Na súa intervención no debate de totalidade do Proxecto de Lei, Miguel Corgos afirmou que o seu bo uso proporcionará vantaxes competitivas esenciais ás empresas e facilitará resultados positivos en sectores tan importantes como a saúde 
  • “Estamos a falar dunha aposta polo futuro, pola innovación e polo benestar da sociedade”, dixo

Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que Galicia contará coa primeira lexislación rexional para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas.

Durante a súa intervención no debate de totalidade do Proxecto de Lei, Miguel Corgos recordou que esta norma nace con tres obxectivos principais: dispoñer dunha IA segura e salvagardar os dereitos da cidadanía, mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa nesta materia.

Así mesmo, afirmou que o seu bo uso proporcionará vantaxes competitivas esenciais ás empresas e facilitará resultados positivos en sectores tan importantes como a saúde, a agricultura, a educación, a administración de infraestruturas, a enerxía, o transporte, os servizos públicos, a seguridade e a xustiza. 

Igualmente, subliñou que a Lei regula o uso por parte da Administración dunha tecnoloxía que permite mellorar as predicións para axudar a tomar decisións, optimizar operacións e personalizar solucións dixitais.  

“Esta tecnoloxía permite tamén reducir tempos e liberar ás persoas que traballan na Administración de tarefas repetitivas ou de busca de documentación”, engadiu, destacando que, durante a pandemia, empregáronse sistemas intelixentes para a tramitación de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, que permitiron adiantar en máis dun mes a recepción das prestacións por parte das persoas afectadas.

Nesta mesma liña, e a modo de exemplo, recordou a posta en marcha, no ámbito da saúde, dun proxecto piloto para o uso da intelixencia artificial na detección precoz do cancro de mama. E, no medio rural, resaltou o desenvolvemento dun sistema de Inspeccións Intelixentes Avanzadas para mellorar a eficiencia dos controis derivados da Política Agraria Común. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública incidiu en que a nova lei regula que sistemas de IA se poden desenvolver ou comprar desde a Administración e como se deben usar; asegura que as persoas teñan sempre a última palabra, e establece cal é a responsabilidade e funcións de cada un dos servidores públicos e entidades no proceso de planificación e implantación desta tecnoloxía. Ademais de fomentar a implantación dunha intelixencia artificial axeitada aos intereses estratéxicos de Galicia, por parte das empresas e da sociedade no seu conxunto.

“Estamos a falar dunha aposta polo futuro, pola innovación e polo benestar da sociedade”, dixo, resaltando que o novo texto contribuirá a construír unha Galicia máis intelixente e competitiva.