Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia avoga por unha Política de Cohesión post 27 na que as rexións sexan claves para deseñar e xestionar as accións para afrontar os retos futuros en cada territorio

Galicia avoga por unha Política de Cohesión post 27 na que as rexións sexan claves para deseñar e xestionar as accións para afrontar os retos futuros en cada territorio

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse esta semana co director da Representación da Comisión Europea en España, quen visitou a Comunidade

Santiago de Compostela, 05 de xullo de 2026.- Galicia avoga por unha Política de Cohesión post 27, na que as rexións sigan tendo un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos e necesidades de cada territorio. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante unha reunión mantida esta semana co director da Representación da Comisión Europea en España, Daniel Calleja y Crespo, quen visitou a Comunidade.

Miguel Corgos incidiu en que os gobernos rexionais, os máis próximos ao territorio, son os que mellor coñecen as necesidades das súas respectivas rexións, de xeito que unha centralización das políticas levaría a repetir os erros que se están a sufrir na xestión e execución dos fondos MRR.

Nesta liña, lembrou que no Plan Nacional de Recuperación Transformación e Resiliencia a concentración da toma de decisións nos Estados membros debilitou a xestión compartida, minguando a participación das rexións na competencia de prioridades. Ademais de supoñer unha menor transparencia na distribución dos recursos.

Logo de facer fincapé en que o camiño a seguir é avanzar na autonomía das rexións, incrementando o seu peso na planificación, xestión e execución dos fondos de cohesión, o conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou tamén a necesidade de construír unha estratexia galega de posicionamento europeo que responda a unha visión de desenvolvemento para Galicia. 

A Comunidade debe prepararse non soamente para recibir fondos europeos, senón para competir con éxito polos recursos europeos do futuro, subliñou, apostando por reforzar tanto a presencia de Galicia nos futuros plans estatais como a captación de fondos de xestión directa.

O director da Representación da Comisión Europea en España trasladoulle ao conselleiro a satisfacción do tecido industrial galego coa xestión dos fondos por parte do Goberno galego, e Miguel Corgos aproveitou para destacar que os datos avalan a boa xestión que a Xunta está a facer dos importes asignados a Galicia dos fondos. 

Así, os recursos do MRR que o Goberno central asignou a Galicia para a súa xestión directa ascenden a 1.751 M€, case un 6 % dos fondos destinados por España ás CC.AA; e, en relación aos fondos de cohesión para o período 2021-2027 (executables ata 2029), a Xunta de Galicia xestiona 1.500 de fondos europeos, con operacións autorizadas que representan o 71 % do importe asignado nos programas de Galicia.