Galicia apunta ao fortalecemento da participación cidadá como pilar básico da gobernanza democrática
- O Goberno galego aposta por estender a cultura participativa ao ámbito social, con criterios de inclusión, accesibilidade e proximidade
- No ano 2025 impulsáronse no Portal de Transparencia e Goberno aberto case 90 procesos participativos, con máis de 1.100 achegas da cidadanía
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu a benvida a representantes da práctica totalidade das CC.AA. que asisten á reunión da Rede Interautonómica de Participación cidadá, un importante foro de coordinación institucional na materia
Santiago de Compostela, 03 de xuño de 2026.- Galicia apunta ao fortalecemento da participación cidadá como pilar básico da gobernanza democrática, xa que “unha administración que escoita á cidadanía é máis efectiva na toma de decisións e achega máis confianza”. Por iso o Goberno galego aposta por estender a cultura participativa ao ámbito social, con criterios de inclusión, accesibilidade e proximidade. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no acto de apertura das xornadas de Participación Cidadá que se celebran desde hoxe en Galicia.
Corgos puxo como exemplo a creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia para telos en conta “no deseño das políticas públicas que lles afectan” e a participación dos maiores a través da Asociación Galega de Persoas Maiores, Xubilados e Pensionistas, así como a posta en marcha dun proceso participativo coa Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, “para que ningunha voz quede fóra”.
O conselleiro de Facenda foi o encargado de dar a benvida aos participantes na reunión da Rede Interautonómica de Participación Cidadá, que chegan de toda España para participar nun encontro deseñado para compartir experiencias, boas prácticas e liñas de colaboración, así como para debater estratexias e promover a participación activa da cidadanía no deseño e avaliación das políticas públicas.
Miguel Corgos amosou o seu convencemento de que a participación da cidadanía crea “institucións máis transparentes, máis próximas ás persoas e, ademais, lexitima as institucións”, porque posibilita unha administración máis efectiva na toma de decisións, máis íntegra e que rende contas da súa xestión, o que redunda “na mellora dos servizos públicos”.
Participación como liña estratéxica de goberno
Este convencemento, explicou o conselleiro, é o que levou a Galicia a asumir este enfoque participativo como unha liña estratéxica de goberno. “Un compromiso” –asegurou- “que se traduce no desenvolvemento progresivo dunha administración máis aberta, accesible e participativa”.
Para iso, abundou Corgos, promóvese a implicación da cidadanía na elaboración de normas, o deseño de programas públicos e a mellora de servizos administrativos. Como exemplo, destacou que no ano 2025 se impulsaron no Portal de Transparencia e Goberno aberto case 90 procesos participativos, con máis de 1.100 achegas da cidadanía.
Explicou que se potenciou a participación medindo o grado de satisfacción cos servizos públicos a través de enquisas de satisfacción, publicando a Guía de participación cidadá en lectura fácil no Portal de Transparencia ou coa contribución de Galicia ao V Plan de Goberno Aberto de España 2025‑2029, mediante a formulación de iniciativas artelladas en torno ao impulso, ampliación e consolidación dos mecanismos de implicación da cidadanía, “cunha orientación clara á ampliación cuantitativa e cualitativa dos procesos participativos, e a mellora da súa visibilidade e accesibilidade”, para garantir un maior e mellor coñecemento das canles dispoñibles para intervir nos asuntos públicos, concluíu o conselleiro de Facenda.
Galicia, referente na participación cidadá
A Rede Interautonómica de Participación Cidadá constitúe un espazo estable de cooperación entre administracións, clave para avanzar cara a modelos de gobernanza máis participativos, inclusivos e próximos á cidadanía. Centra a súa relevancia na participación cidadá como principio relacionado cos fundamentos que inspiran o Goberno e a Administración Aberta. A celebración deste encontro en Galicia reforza o papel da comunidade como referente na promoción de políticas públicas orientadas á participación cidadá, a transparencia e o goberno aberto.