Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia acolle a reunión da Rede interautonómica de participación cidadá

Galicia acolle a reunión da Rede interautonómica de participación cidadá

  • Representantes da práctica totalidade das Comunidades Autónomas asisten a un encontro para compartir experiencias, boas prácticas e liñas de colaboración
  • Santiago de Compostela e a Ribeira Sacra son as dúas sedes da reunión, que se consolida como un dos foros de coordinación institucional na materia 

Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2026.- Galicia acolle a partir de mañá, mércores, a reunión da Rede Interautonómica de Participación Cidadá. Representantes da práctica totalidade das Comunidades Autónomas asisten a un encontro deseñado para compartir experiencias, boas prácticas e liñas de colaboración, así como para debater estratexias e promover a participación activa da cidadanía no deseño e avaliación das políticas públicas.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, será o encargado de dar a benvida aos participantes e inaugurar de xeito oficial o foro en Santiago de Compostela. A Ribeira Sacra será a outra sede do encontro, que se consolida como un dos foros de coordinación institucional en materia de participación cidadá.

Compromiso compartido
A elevada participación na reunión pon de manifesto o compromiso compartido das administracións públicas para impulsar unha gobernanza máis aberta, transparente e participativa. Representantes de alto nivel e persoal técnico de todas as CC.AA. conforman un espazo de traballo cualificado e orientado á mellora das políticas públicas.

O programa das xornadas inclúe mesas de traballo centradas en cuestións clave para o desenvolvemento da participación cidadá, como a participación infantil e xuvenil, a necesidade de promover a inclusión, a importancia de regular a participación dos grupos de interese, a formación nesta materia ou as boas prácticas en materia de participación cidadá.

Galicia, referente na participación cidadá
Esta Rede constitúe un espazo estable de cooperación entre administracións, clave para avanzar cara a modelos de gobernanza máis participativos, inclusivos e próximos á cidadanía. A celebración deste encontro en Galicia reforza o papel da comunidade como referente na promoción de políticas públicas orientadas á participación cidadá, a transparencia e o goberno aberto.