Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Entra en vigor a domiciliación dos pagos de impostos en entidades bancarias non colaboradoras en 36 países

Entra en vigor a domiciliación dos pagos de impostos en entidades bancarias non colaboradoras en 36 países

  • O DOG publica hoxe a resolución da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) que permite facer uso do procedemento desde mañá martes
  • A cidadanía poderá facer fronte ás súas débedas tributarias a través de calquera entidade de crédito non colaboradora aberta en países da Zona Sepa
  • Poderanse domiciliar as autoliquidacións que se presenten a través da Oficina Virtual Tributaria da Atriga e os aprazamentos e fraccionamentos concedidos

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025.- Entra en funcionamento a domiciliación dos pagos de impostos en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da Zona Sepa, que inclúe 36 países e ten como obxectivo que os pagos en euros sexan tan eficientes e seguros como os pagos nacionais, tanto dentro como fóra das fronteiras de cada país. O DOG publica hoxe a resolución da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) que permite que o novo medio de pago se poida usar desde mañá martes. 

Deste xeito, a cidadanía galega poderá domiciliar as autoliquidacións que se presenten a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Atriga en calquera entidade de crédito non colaboradora que estea aberta nalgún dos 36 países incluídos na Zona Sepa, que ten como obxectivo que os pagos en euros sexan tan eficientes e seguros como os pagos nacionais, tanto dentro como fóra das fronteiras de cada país. Tamén se poderán pagar deste xeito os aprazamentos e fraccionamentos concedidos polos órganos competentes da Atriga.

Facilitar o pagamento sen desprazamentos
Con esta medida, a Xunta continúa o seu esforzo para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias, sumando novos medios que se están implementando desde o ano 2020. Desde principios dese ano, os contribuíntes galegos poden empregar a domiciliación bancaria das autoliquidacións presentadas a través da OVT. Ata o mes de xuño de 2025 ordenáronse 66.509 domiciliacións por máis de 200 M€.

No ano 2022, engadíronse novos métodos, como o pagamento a través de terminal punto de venda (TPV) virtual, a través da OVT, que permite realizar os pagamentos con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito, calquera que sexa a entidade bancaria. Desde a súa posta en marcha realizáronse preto de un millón de operacións por este sistema, cun importe de máis de 50 M€. O pagamento a través de TPV físico nas delegacións territoriais da Atriga púxose en marcha en febreiro de 2022 e desde entón realizáronse máis de 41.000 operacións por valor de preto de 6,5 M€.

No ámbito rural, nese mesmo ano habilitouse a posibilidade da realización do pagamento mediante xiro postal nas oficinas de Correos ou a través das PDAs dos carteiros rurais. Ata xuño deste ano realizáronse preto de 6.300 operacións por este sistema, por valor de máis de 1,5 M€. Ademais, os pagamentos presenciais en oficinas bancarias das entidades Caixabank e Santander pódense realizar desde os seus caixeiros automáticos.

No ano 2023, abriuse unha nova canle de pago, a través da plataforma Bizum, que neste tempo se ten convertido no método preferido dos contribuíntes para facer fronte a pagamentos de pouca contía. Ata xuño deste ano realizáronse unhas 145.000 operacións por importe de 6,3 millóns de euros. E xa no ano 2024 implantouse o pagamento mediante transferencia bancaria, a través do que se realizaron, entre agosto do pasado ano e xuño de 2025, 175 operacións por valor de preto de 1,5 millóns de euros.