Galicia convértese na primeira Comunidade que regula por lei o uso da intelixencia artificial
- A norma garantirá o respecto aos dereitos fundamentais das persoas e as vías de supervisión humana nos procedementos administrativos que empregan esta tecnoloxía
- Con esta normativa, Galicia aspira a liderar, como rexión intelixente, a ordenación e xestión dunha tecnoloxía que está a marcar o futuro da humanidade
- Regulará o uso da IA na Administración e os servizos públicos; o control dos procesos de deseño e aplicación; os instrumentos de xestión e colaboración e as medidas para facilitar e promover o seu uso no tecido produtivo
- A Xunta emprega sistemas de intelixencia artificial para aspectos como a detección precoz do cancro de mama, o emprego, a simplificación das tramitacións administrativas ou a xestión do medio rural
- O Consello de Goberno aprobou o Proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, que agora será remitido ao Parlamento
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024.- Galicia disporá da primeira lei de ámbito rexional en Europa sobre o uso de intelixencia artificial, de acordo co Proxecto de Lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta.
En virtude desta lei, as actuacións da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público que impliquen o uso desta tecnoloxía deberán contar cun informe de proxecto de IA que, ademais de describir o seu funcionamento e características detalladas, incluirá unha avaliación de impacto relativo aos dereitos fundamentais das persoas, de acordo co modelo da Oficina Europea de IA.
A lei tamén prevé a supervisión humana en todos os procedementos administrativos que empregan esta tecnoloxía sempre que sexa necesaria ou solicitada por calquera persoa implicada no trámite.
A Lei parte do convencemento de que Galicia pode e debe asumir o papel de liderado que lle corresponde na conformación dunha rexión intelixente a través da ordenación e xestión dunha das tecnoloxías que está a marcar o futuro da humanidade.
A norma está en plena conexión coa lexislación comunitaria e coas ideas expresadas por organismos multilaterais (como a OCDE, a Comisión Europea ou o Consello de Europa), que animan aos gobernos a desenvolver unha contorna de políticas que faga posible a adopción de sistemas de intelixencia artificial dun xeito fiable e seguro.
Para velar polo cumprimento destes principios e obxectivos, a lei regula a creación de novos órganos, como a Oficina de Intelixencia Artificial de Galicia ou o Consello Galego de Intelixencia Artificial; así como de novas figuras, como o comisionado en intelixencia artificial, que velará pola prevención, detección e eliminación de riscos e resultados negativos; ou o inventario de sistemas de intelixencia artificial, que reflectirá o ciclo de vida de cada sistema, dende o seu deseño ata a súa desactivación.
A intelixencia artificial na Xunta de Galicia
Na actualidade, a Xunta de Galicia emprega e desenvolve en todos os seus ámbitos de competencia sistemas que utilizan a intelixencia artificial. O seu uso permitirá, por exemplo, reducir ata unha terceira parte as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías para a detección de cancro de mama, así como poder analizar un maior número de probas en menor tempo.
Tamén se emprega intelixencia artificial para axudar ás persoas a atopar emprego ao relacionar oferta e demanda laboral a través dunha ferramenta pioneira en España e Europa que permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025.
Esta tecnoloxía tamén está a ser especialmente útil para a xestión do medio rural e a redución das diferenzas con respecto ás zonas urbanas. A Xunta ten en marcha o desenvolvemento dun sistema de inspeccións intelixentes avanzadas no marco da Política Agraria Común (PAC) que permite aumentar o número de inspeccións da PAC, así como a súa eficiencia, ademais de reducir a complexidade e custes. Galicia tamén usa a intelixencia artificial para a detección automática de incendios forestais, así como para prever a evolución dos lumes de especial gravidade.
Na Administración, os sistemas de IA empréganse para reducir os tempos e facilitar as tramitacións por parte da cidadanía e do persoal empregado público con sistemas como a Plataforma de Automatizacións da Xunta de Galicia.
A Lei e os sectores produtivos
A Lei recoñecerá o carácter de sector estratéxico para as empresas cuxa actividade teña relación directa con esta tecnoloxía. Entre as medidas para promoción da IA nos sectores privados, a Lei impulsará a creación de factorías de intelixencia artificial, de acordo coa recomendación da Comisión Europea, en torno ao Centro de Supercomputación de Galicia. Estas factorías estarán abertas ás empresas emerxentes ou calquera axente do ecosistema de IA que necesite desenvolver, adestrar e validar sistemas de intelixencia artificial. Tamén facultará a creación dun sistema de vixilancia tecnolóxica en intelixencia artificial para as empresas. Regula, así mesmo, a creación de programas de incubación, aceleración e consolidación de startups en IA, así como un fondo de participación en empresas que desenvolvan en Galicia sistemas de IA.
Tras a aprobación no Consello de Goberno, o Proxecto de Lei será agora remitido ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva.