Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Corgos destaca o compromiso da Xunta cunha IA que impulse o desenvolvemento da industria galega

Corgos destaca o compromiso da Xunta cunha IA que impulse o desenvolvemento da industria galega

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública interveu no IA Nexus Business Vigo, Foro: “La IA, tu socio estratégico"
  • Subliñou que nesta planificación xoga un papel principal a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, coa Estratexia Galicia Dixital 2030
  • Trasladou o seu convencemento de que neste proceso de adaptación da economía a unha nova realidade condicionada pola IA e o resto de tecnoloxías de alto impacto, Vigo e a súa industria serán esenciais
  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia da Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que debate o Parlamento

Vigo, 13 marzo de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o compromiso da Xunta cunha intelixencia artificial que impulse o desenvolvemento da industria galega.

Nesta liña, recordou que no mes de xaneiro publicáronse as bases que regulan as axudas para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación mediante o uso da IA co obxectivo de mellorar a actividade económica e industrial das empresas e a súa competitividade, así como integrar a intelixencia artificial nas súas cadeas de valor.

Durante a súa intervención no IA Nexus Business Vigo, Foro: “La IA, tu socio estratégico", Miguel Corgos subliñou que nesta planificación xoga un papel principal a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, coa Estratexia Galicia Dixital 2030. Unha estratexia que ademais da modernización da propia Xunta e os servizos públicos galegos, a Axencia pon ao servizo da cidadanía –con iniciativas de capacitación dixital- e dos sectores produtivos. 

Logo de facer fincapé en que a colaboración entre as administracións, as entidades que achegan o coñecemento e a industria é unha peza clave para transitar con éxito na necesaria transformación tecnolóxica de Galicia, o conselleiro de Facenda trasladou o seu convencemento de que neste proceso de adaptación da economía a unha nova realidade condicionada pola intelixencia artificial e o resto de tecnoloxías de alto impacto, Vigo e a súa industria serán esenciais.

Miguel Corgos fixo fincapé no compromiso da Xunta co desenvolvemento dunha intelixencia artificial de vangarda a través de iniciativas que axuden a desenvolver esta tecnoloxía, como a instalación na comunidade de contornas de probas para garantir a calidade dos sistemas, a súa seguridade e o seu respecto polos dereitos das persoas.
Como proba deste papel facilitador e regulador, lembrou que Galicia foi a primeira rexión de Europa en presentar un proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial. Unha norma que non só regulará o seu uso na Administración e nos servizos públicos, senón que tamén establece os mecanismos de promoción e apoio á implantación de sistemas de IA por parte das empresas. 
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, que interveu na mesa redonda sobre “A intelixencia artificial como oportunidade de desenvolvemento industrial”, destacou a importancia da Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que debate o Parlamento. Cerviño Iglesia resaltou que a lei prevé medidas de carácter económico e fiscal para as empresas, o fomento da investigación e a innovación, así como medidas de formación e capacitación.