Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Corgos avanza a posta en marcha do Programa Galego de IA 2025-2027 para afondar nunha Administración máis áxil, eficiente e personalizada

Corgos avanza a posta en marcha do Programa Galego de IA 2025-2027 para afondar nunha Administración máis áxil, eficiente e personalizada

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no III Foro Empresa e Intelixencia Artificial
  • Afirmou que o Goberno galego está xa a traballar, tamén, no rexistro de sistemas de IA e na Oficina de IA de Galicia, que será a encargada de coordinar o cumprimento do regulamento europeo e da lei galega, así como de ofrecer asesoramento nesta materia ás distintas unidades da Xunta
  • Destacou que, coa nova lei de IA e co seu progresivo desenvolvemento, Galicia está preparada para aproveitar as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial

A Coruña, 8 de maio de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe a posta en marcha do Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que recollerá as actuacións do Goberno galego para afondar nunha Administración cada vez máis áxil, máis eficiente e capaz de ofrecer servizos máis personalizados á cidadanía e ao tecido empresarial.  

Con este fin, Corgos precisou que se están a celebrar reunións coas distintas consellerías co obxectivo de identificar as súas necesidades a cubrir coa intelixencia artificial, ademais das achegas que xa están a elaborar os membros do Consello Galego de IA. 

Durante a inauguración do III Foro Empresa e Intelixencia Artificial, organizado por Quincemil, Corgos destacou o esforzo que está a facer a Xunta para desenvolver a Lei de IA, aprobada recentemente no Parlamento galego. 

Nesta liña, afirmou que a Xunta está xa a traballar, tamén, no rexistro de sistemas de IA, tal como prevé a nova norma e esixe o regulamento europeo, para poder ter información en tempo real da existencia e funcionamento de todos os sistemas desta tecnoloxía na Administración autonómica. 

“E estamos a traballar na posta en marcha da Oficina de IA de Galicia”, engadiu, subliñando que esta será a encargada de coordinar o cumprimento tanto do regulamento europeo como da lei galega, así como de ofrecer asesoramento nesta materia ás distintas unidades da Xunta. Ademais de ser o interlocutor coa Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) e coa Oficina Europea de IA.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu aseverando que, coa nova lei de IA e co seu progresivo desenvolvemento, Galicia está preparada para aproveitar as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial. “Neste momento, a intelixencia artificial estanos a axudar xa a proporcionar servizos públicos máis áxiles, máis personalizados, máis accesibles e máis seguros, con garantías de eficacia e respecto aos dereitos das persoas e á súa seguridade. E no futuro inmediato estou convencido de que seguirá favorecendo este necesario proceso de avance continuo na Administración autonómica, contribuíndo a mellorar a calidade de vida e o benestar, ademais de axudar a xerar riqueza”, aseverou, reiterando o compromiso de seguir traballando da man do sector empresarial para cada vez facer un maior e mellor uso da IA.