Corgos anima a adaptar e actualizar os coñecementos e os mecanismos de resposta para loitar contra os ciberataques
- O consellerio de Facenda e Administración Pública advirte do aumento exponencial do uso malicioso das tecnoloxías
- Miguel Corgos inaugurou hoxe o IV Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal
- Máis de 60 expertos abordarán os retos da ciberseguridade para a cidadanía, as administracións públicas e as empresas
Santiago de Compostela, 6 novembro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, animou hoxe a adaptar e actualizar os coñecementos e os mecanismos de resposta para loitar contra os ciberataques, ante o incremento exponencial do uso malicioso e malintencionado das tecnoloxías.
Durante a inauguración do IV Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, Miguel Corgos subliñou que os rápidos e continuos avances tecnolóxicos serven para mellorar a calidade de vida das persoas e o seu benestar, así como para ter uns servizos públicos e da Administración cada vez máis eficaces e para que os sectores produtivos xeren máis riqueza.
Porén, lembrou que xunto con estes beneficios, os delitos informáticos duplicáronse nos últimos catro anos. A aposta da Xunta pola ciberseguridade foi clara desde o primeiro momento, con énfase na colaboración e o intercambio de información e experiencias, como a sinatura de acordos de colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe) e co Centro Criptológico Nacional (CCN), en proceso de renovación neste momento, tras cinco anos de vixencia.
Destacou tamén a colaboración entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública, que permite o desenvolvemento anual do Curso Superior de Ciberseguridade, así como cursos de formación continua neste tema destinados ao persoal empregado público de Galicia.
O conselleiro de Facenda fixo fincapé tamén na comunicación directa e continua coa cidadanía, a través de campañas de concienciación ou do portal ciberseguridadegalicia.gal, que centraliza toda a información e ofrece mecanismos de consulta e comunicación de dúbidas ou incidencias.
Retos de futuro
Miguel Corgos afirmou que o Goberno galego está a promover o incremento das capacidades de defensa das empresas da comunidade, sobre todo das pequenas, xa que pouco máis da metade das que teñen menos de 10 persoas empregadas utiliza medidas de seguridade nas súas TiCs.
Para iso son precisas infraestruturas que axuden na prevención, como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está construíndo no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense, e ao que se lle destinan uns 6M€ en total.
Nesta liña, Corgos puxo en valor tamén a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, en colaboración con institutos tecnolóxicos e universidades, como parte dun proxecto RETECH que implica a tres Comunidades autónomas (Galicia, Cataluña e Valencia). Unha iniciativa que posibilitará a creación dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade, cun orzamento total de 58 M€, dos que 19 M€ corresponden a Galicia.
IV edición de CIBER.gal
A IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, abriu as súas portas, esta mañá, con 2.600 persoas inscritas. Máis de 60 expertos abordarán os retos da ciberseguridade para a cidadanía, as administracións públicas e as empresas, ao longo das dúas xornadas, que se celebran na Cidade da Cultura.
Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), a cuarta edición de CIBER.gal ofrecerá talleres, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e a final do concurso Ciberseguridade no cole!, no que participaron máis de 7.400 escolares de centros educativos de toda Galicia.