Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

As medidas fiscais consolidadas no IRPF pola Xunta permitirán aforrar unha media de 476 euros a cada contribuínte galego

As medidas fiscais consolidadas no IRPF pola Xunta permitirán aforrar unha media de 476 euros a cada contribuínte galego

  • As deducións autonómicas que se aplican na Campaña da Renda 2025 supoñen un aforro de 46,94 M€
  • Este ano aplicaranse novas deducións vencelladas á vivenda, aos gastos en libros e material escolar e ás axudas derivadas dos incendios, así como beneficios para os enfermos de ELA ou para os afectados pola talidomida 
  • A Atriga prestará asistencia presencial, telefónica e videoasistencia para facer a declaración, con 36 efectivos e seis coordinadores 

As medidas fiscais aprobadas pola Xunta e consolidadas dende o ano 2022, permitirán a cada contribuínte galego aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda. Na campaña deste ano seguen vixentes as numerosas medidas de alivio fiscal postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos para loitar contra a suba de prezos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar incrementados nese mesmo ano. 

 

Deste xeito, as deducións autonómicas establecidas pola Xunta permitirán aforrar aos contribuíntes galegos máis de 46,9 millóns de euros na campaña da renda 2025.  Coas medidas aprobadas pola Xunta, beneficiaranse novamente todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Iso se desprende dun informe sobre a campaña do IRPF 2025 presentado polo Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ao Consello da Xunta. 

 

Cómpre salientar que Galicia foi a primeira comunidade en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas. Deste xeito, as familias con dous fillos poden deducir 250€, un incentivo que ata o 2023 tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que se dobrou para as familias de tres fillos (500€). En total son case 190.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resultarán beneficiadas na súa declaración desde a campaña do ano 2023. Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres). Tamén están vixentes deducións referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, ás persoas con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros e ao acollemento familiar. Esta última dedución dará dereito á aplicación dunha dedución de 300 € con independencia da duración do acollemento.

Abundando nas medidas de protección ás familias, os contribuíntes galegos ademais poderán aplicar a nova dedución polos gastos en libros de texto e material escolar. 

 

Deducións para vivenda
No que se refire a deducións por vivenda, para aluguer poden acollerse os contribuíntes de idade igual ou inferior a 35 anos. Tamén se aplican para os investimentos en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual, e para obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, así como polos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos.

 

Tamén se establecen vantaxes fiscais para a rehabilitación de bens inmobles en centros históricos e para a adquisición ou rehabilitación de vivendas en aldeas modelo. 

 

En relación ás empresas, existen deducións por investimento en empresas agrarias, pola compra de accións ou participacións en entidades de nova creación, por investimentos realizados en accións de entidades cotizadas no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bursátil e por donativos  destinados á I+D+i.

 

Así mesmo, aplicaranse deducións por adquisición de accións ou participacións sociais para a constitución ou ampliación de capital de sociedades cuxo obxecto social exclusivo sexa a realización de proxectos declarados de especial interese público, social ou económico.

 

Tamén os deportistas de alto nivel poden deducir as axudas e subvencións recibidas.  

 

Novidades nesta campaña do 2025
Ademais destas deducións en vixencia, os contribuíntes galegos contarán na campaña de 2025 con novas deducións en distintos eidos.

 

En materia de vivenda, os galegos contarán cunha dedución por gastos derivados da adecuación de inmobles baleiros con destino ao arrendamento como vivendas (dedución do 15% das cantidades satisfeitas sobre unha base máxima de 9.000 euros por vivenda). E, o arrendamento de vivendas baleiras da dereito a unha dedución de 500 euros.

 

Así mesmo, as familias contarán cunha dedución do 15% das cantidades satisfeitas pola adquisición de libros de texto e material escolar de educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial, cun límite de 105 euros por descendente matriculado.

 

Tamén hai que ter en conta a dedución polas axudas e subvencións recibidas por persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos. Ademais da dedución polas axudas recibidas polas persoas afectadas pola talidomida en España durante o período 1950-1985.

 

Por outra banda, os afectados tamén poderán deducir as subvencións e/ou axudas obtidas a consecuencia dos danos causados polos incendios forestais que provocaron a activación do PEIFOGA en Situación 2 acaecidos en Galicia en 2025 que integren a base impoñible.

 

Colaboración da Xunta
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) prestará asistencia presencial –con 36 efectivos e seis coordinadores, que estarán presentes nas 13 administracións/delegacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria-, telefónica e videoasistencia aos contribuíntes galegos durante a campaña da renda que comeza o mércores 8 de abril. 

 

Ata o 6 de maio a declaración só se poderá presentar de xeito telemático, pero ese día comeza a atención telefónica do Plan Chamámoslle para obter asistencia telefónica na confección da declaración. A partir do 1 de xuño dará comezo a atención presencial aos cidadáns que prefiran atender as súas obrigas tributarias do IRPF deste xeito. Os días nos que se abrirá a petición da cita previa son o 29 de abril, para a asistencia telefónica e o 29 de maio para a asistencia presencial. Ademais se o cidadán domicilia o importe, o último día para facelo é o 25 de xuño.

No 2025, en Galicia presentáronse preto de 1,5 millóns de declaracións, das que máis de 960.00 foron declaracións a devolver.