Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Algo máis de 7.500 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 228 prazas de emprego público

Algo máis de 7.500 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 228 prazas de emprego público

  • Un operativo formado por unhas 305 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025.- Un total de 7.539 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 228 prazas de emprego público.

As probas comezarán mañá sábado, ás 9,00 horas da mañá para cubrir 21 prazas da especialidade de educador social do subgrupo A2 ás que están convocadas 810 persoas; e a partir das 15.30 h. será a quenda dos 3.907 aspirantes convocados para 83 prazas da escala de persoal de servizos xerais (PSX) C2. 

O domingo 9 de marzo ás 9.00 h. realizarase o proceso selectivo para a escala de axentes técnicos facultativos de educación infantil, no que están chamadas a participar 2.822 persoas para 124 prazas. 

Operativo de seguridade
Un operativo formado por aproximadamente 305 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas. 

As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Desde o último trimestre de 2023 ata agora, convocáronse 40 procesos selectivos, dos que 22  foron de acceso libre, 15 de promoción interna separada e tres para persoas con  discapacidade intelectual. O total de prazas convocadas relativo a estes procesos ascende a 1.495 e recibíronse 21.534 solicitudes.