Aberto o prazo de inscrición para o IV Encontro CIBER.gal, que se celebrará os días 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura

- O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal organiza a cuarta edición deste evento que ofrece paneis, conferencias e talleres con contidos para as administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial
- Entre as novidades deste ano están as demostracións de servizos, solucións e produtos que realizarán algunhas das entidades que apoian o encontro
- Contará coa intervención de profesionais como Chema Alonso e actividades como obras de teatro, competicións ou a experiencia road show do Incibe
- Una ano máis CIBER.gal organiza o concurso Ciberseguridade no cole! que rexistrou un novo récord de participación con máis de 7.400 escolares inscritos
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024.- Xa está aberto o prazo de inscrición da IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade. CIBER.gal, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Consolidado xa como un evento de referencia para o sector, CIBER.gal reunirá a expertos, empresas nacionais e internacionais, entidades locais e á cidadanía, para abordar os retos e oportunidades da seguridade no entorno dixital.
As dúas xornadas poderán seguirse de xeito presencial ou en streaming previa inscrición neste enlace, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a cuarta edición de CIBER.gal ofrecerá talleres, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e concursos de ciberseguridade organizados en tres bloques dirixidos ás administracións públicas, á cidadanía e ao tecido produtivo. Os interesados en asistir poden inscribirse nun ou máis bloques.
Unha das novidades que incorpora este ano CIBER.gal é a realización de demostracións de produtos, servizos ou solucións de ciberseguridade por parte dalgunhas das entidades que apoian o evento e que se realizarán de xeito paralelo ao programa principal.
Entre outros profesionais, o encontro contará coa participación do experto en ciberseguridade Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles está o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que traerá á Cidade da Cultura a experiencia road show e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos e que estarán abertos ata o día 8 de novembro. Ademais, David Amor achegarase en clave de humor á ciberseguridade cun monólogo.