Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta utilizará as novas tecnoloxías para seguir simplificando a asistencia aos contribuíntes e prestar uns servizos públicos máis áxiles e accesibles

A Xunta utilizará as novas tecnoloxías para seguir simplificando a asistencia aos contribuíntes e prestar uns servizos públicos máis áxiles e accesibles

  • Durante o 2025 a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) mellorará os sistemas de información e axuda a través do web, a aplicación, a videoasistencia e a asistencia presencial
  • Tamén traballará na diminución da inseguridade xurídica e aumentará o control do fraude fiscal
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Plan de control tributario do exercicio 2025

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025.- A Xunta utilizará as novas tecnoloxías para seguir simplificando a asistencia aos contribuíntes e para axilizar e personalizar os trámites coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), que mellorará os sistemas de información e axuda a través do web, a aplicación, a videoasistencia e a asistencia presencial. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2025, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola Atriga desde a súa posta en marcha no ano 2013.

O documento recolle a incorporación das novas tecnoloxías ao control tributario para conseguir unha Administración que se achegue á cidadanía, facilitándolle o acceso á información e aos seus servizos, maior axilidade na tramitación e redución nos tempos de resposta, o que redundará na mellora da calidade e eficiencia do servizo ofrecido.

Así, o novo web da Atriga terá novos contidos e desenvolveranse ferramentas e contidos específicos para o contribuínte, como asistentes virtuais. Ademais, publicarase o catálogo de servizos de asistencia, que permitirá aos cidadáns coñecer os servizos que ofrece a Axencia, así como as súas canles de acceso. Ao actual modelo de asistencia sumarase a atención a través de videoasistencia, pensado para as persoas con máis dificultade no manexo dos sistemas informáticos.

Poñeranse en marcha os traballos para o redeseño da Oficina Virtual Tributaria (OVT) e continuarase coa súa simplificación para facilitar a presentación dos diferentes trámites, a actualización dos programas de axuda e o deseño de novos formularios web máis comprensibles que mellorarán a experiencia do usuario. Os servizos dispoñibles a través da aplicación iranse tamén incrementando e impulsarase a creación dun centro de atención integral ao contribuínte.

O Plan de control recolle a continuación da atención preferente a maiores de 65 anos, tanto por teléfono como por vía presencial. Ademais, á asistencia na confección da autoliquidación do imposto pola transmisión onerosa de medios de transporte usados (modelo 620), vaise engadir o mesmo servizo para facer a autoliquidación do Imposto de Transmisións e Actos Xurídicos Documentados (modelo 600).

A Atriga quere continuar tamén cos programas informativos que buscan o fomento da conciencia fiscal colectiva da cidadanía e que contempla charlas informativas dirixidas tanto a escolares como a universitarios, para incidir na educación tributaria dos máis novos, así como campañas de sensibilización contra o fraude fiscal dirixidas á poboación xeral.

Control do fraude fiscal
A Axencia quere tamén diminuír a inseguridade xurídica e ampliar as canles de comunicación cos profesionais, compartindo os criterios de tributación con asesores fiscais e outros operadores xurídicos, así como coñecer os problemas que estes atopan na tributación de determinadas operacións ou no cumprimento das obrigas formais.

Nesta liña, seguirá promovendo foros de intercambio de coñecemento como congresos, encontros ou xornadas nos que se transmitan e fundamenten criterios de aplicación do sistema tributario galego, como as xornadas recentemente celebradas Actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego, que congregaron no mes de marzo, durante dous días, a expertos de renomeado prestixio.

Para a Atriga resulta ademais de grande importancia distinguir o que debe considerarse fraude fiscal - que debe centrar os controis extensivo e intensivo e a potestade sancionadora da Administración- do que poden ser erros derivados da complexidade do sistema tributario, que se deben combater principalmente a través da prevención.

En definitiva, o Plan de control tributario deste exercicio recolle actuacións de información e asistencia e de colaboración social como medidas de control preventivo para eliminar cargas fiscais indirectas aos contribuíntes e fomentar o cumprimento voluntario das súas obrigas fiscais. Inclúe tamén actuacións de control posterior que reforzan eses obxectivos e perseguen a mellora do seu cumprimento, así como favorecer a corrección na declaración de feitos impoñibles e na aplicación da normativa tributaria.