A Xunta ten adxudicado xa máis de 1.400 M€ que representan o 86% do ingresado de Fondos MRR
A Xunta de Galicia acada os 1.402 millóns de euros adxudicados dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que lle foron asignados, o cal representa o 92% do importe publicado en convocatorias e licitacións e o 86% do ingresado. Así se reflicte no informe que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou ao Consello do Goberno galego referido á execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia correspondente ao terceiro trimestre de 2025.
Segundo explicou Miguel Corgos no Consello, os ingresos recibidos que a Xunta ten a disposición para a execución do MRR ascenden a 1.635 M€, en ámbitos como a transición verde e transformación dixital, industria, comercio e turismo, protección social e educación ou ciencia e saúde. O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou o avance na execución que os distintos órganos xestores da Xunta de Galicia están a conseguir.
O informe presentado repasa tamén o estado de execución dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica, que son deseñados, planificados e xestionados polo Goberno do Estado. Existen, na actualidade, 12 PERTEs aprobados con financiamento de fondos MRR, que contan cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron ata o de agora 19.636 M€ (48%), porcentaxe que contrasta cos datos de execución acadados pola Xunta de Galicia.
A dotación dos PERTEs supón o 25% dos recursos totais do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, incluíndo os recursos adicionais da addenda de 2023. Porén, a participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTEs é do 5,5% do asignado en toda España (1.081 M€).
Canto ao impacto da execución da Xunta de Galicia a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia na sociedade galega, ata finais do segundo trimestre de 2025, máis de 47.500 persoas físicas, máis de 8.000 autónomos e máis de 6.000 entidades e sociedades estanse a beneficiar dos fondos xestionados polo Goberno galego.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública recordou que o prazo de execución dos fondos MRR finaliza no ano 2026, polo que fixo fincapé na importancia de continuar na senda de execución co obxectivo de garantir unha óptima absorción dos fondos que ten a disposición a Xunta de Galicia.