Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta simplifica o modelo de prego de contratación para as licitacións co fin de ofrecer unha maior axilidade e eficacia administrativa a empresas e cidadáns

A Xunta simplifica o modelo de prego de contratación para as licitacións co fin de ofrecer unha maior axilidade e eficacia administrativa a empresas e cidadáns

  • O uso de pregos de contratación de referencia optimizará os tempos empresariais necesarios para presentar ofertas e analizar as condicións das licitacións 
  • Estes novos pregos de referencia están adaptados aos cambios normativos derivados da entrada en vigor do novo período de programación dos fondos europeos e das modificación da lexislación de contratos do sector público
  • En 2022, Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneira en aprobar un catálogo de criterios de adxudicación para a contratación de obras

O Consello da Xunta aprobou hoxe a simplificación do modelo de prego de contratación para as súas licitacións de cara a unha maior axilidade e eficacia administrativa.
Esta homoxeneización, que afecta tanto aos pregos de referencia de obra civil e de obra de edificación como aos pregos de referencia de subministración xeral ordinaria, suporá múltiples vantaxes para a cidadanía e as empresas, facilitando, en primeiro lugar, a comprensión e familiarización co formato e o contido dos documentos. 
Así mesmo, o uso de pregos de contratación de referencia optimizará os tempos empresariais necesarios para presentar ofertas e analizar as condicións das licitacións na medida en que, unha vez comprendido o modelo nun momento inicial, a confianza en que o articulado xenérico se repetirá en todos os procesos permitirá ás empresas centrarse directamente nas especialidades de cada procedemento.


A unificación axilizará e facilitará ás empresas a preparación das ofertas, ao contar coas mesmas variables e parámetros de medición dos criterios de adxudicación e non ter que estudar fórmulas distintas en función da Consellería que licite o contrato.


A harmonización da documentación esixida suporá para a Administración a redución dos prazos de tramitación ao ser precisas menos emendas de documentación, o que repercute nunha maior axilidade administrativa. 


Estes novos pregos de referencia, ademais, están adaptados aos cambios normativos derivados da entrada en vigor do novo período de programación dos fondos europeos e das modificación da lexislación de contratos do sector público. Deste xeito, inclúen medidas antifraude e de prevención de conflitos de intereses, así como tamén o sometemento ao control das autoridades competentes autonómicas, estatais e europeas.


Cómpre salientar que en 2022, Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneira na aprobación dun catálogo de criterios de adxudicación para a contratación de obras. Criterios que xiran en torno a catro elementos: os que se fundamentan no valor técnico da oferta, os de carácter social e impulso demográfico, os de carácter medioambiental, social e os particulares dos tipos de obra –como as de educación, as de centros de servizos sociais ou as obras que se fan en bens do patrimonio cultural-.