A Xunta renovará e ampliará os seus servidores virtuais, que aumentan a eficacia e reducen os custes dos servizos e recursos dixitais
- O Consello aproba a formalización dun acordo marco de catro anos que permitirá renovar e ampliar as licencias de software que empregan os servidores virtuais da Administración autonómica
- Os servidores virtuais consisten en solucións de software que se comportan como servidores físicos e optimizan e amplían a dispoñibilidade e rendemento dos servizos e aplicacións da Xunta
- Proporcionan estabilidade e seguridade aos servizos da Administración porque reducen as incidencias dos fallos ou necesidades de actualización nas infraestruturas físicas
- O emprego de servidores virtuais é imprescindible nun contexto de crecemento do uso dos servizos dixitais prestados polas Administracións Públicas
- A Xunta dispón na actualidade de máis de 6.000 servidores en contornas virtualizadas que, ademais de reducir as necesidades de investimento en equipos, implican uns custes de mantemento cinco veces inferiores aos dos servidores físicos
Santiago de Compsotela, 2 de febreiro de 2026.- A Xunta de Galicia poderá destinar ata 11,8 millóns de euros nos vindeiros catro anos a afrontar as necesidades de renovación das licencias de software que empregan os servidores virtuais da Administración autonómica, así como para a súa ampliación cando sexa necesario, a través dun acordo marco que hoxe aprobou contratar o Consello de Goberno.
A Xunta dispón na actualidade de servidores físicos e virtuais que manteñen conectada toda a rede corporativa e se encargan de proporcionar servizos e recursos a todos os dispositivos que se empregan na Administración. Os servidores virtuais compórtanse como os servidores convencionais, pero non dependen dunha única infraestrutura física e optimizan o uso e dispoñibilidade do espazo e dos recursos. Este tipo de solucións é imprescindible nun contexto de crecemento dos servizos dixitais prestados polas Administracións públicas.
O uso da tecnoloxía de virtualización de servidores permite, por exemplo, que se poidan realizar actualizacións nos servidores físicos, que son equipos de hardware, sen que os servizos da Administración teñan que interromperse ou se podan ver afectados, xa que as máquinas virtuais poden moverse e empregar os recursos doutros servidores físicos. Esta mesma capacidade de empregar recursos de diferentes espazos físicos reduce notablemente os problemas de rendemento asociados á saturación de servidores en momentos puntuais.
Na actualidade, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dispón de máis de 6.000 servidores virtuais. Para ofrecer un servizo equivalente sen virtualización, habería que mercar, instalar, manter e renovar miles de equipos físicos, cada un deles cun custo elevado de adquisición, espazo, electricidade, climatización, soporte e avarías. Xa so a compra inicial dispararía enormemente o orzamento, pero os custos do mantemento implicarían un custo anual de aproximadamente 5 veces máis.
A Xunta leva xa máis dunha década empregando servidores virtuais e a súa conveniencia e eficacia foi analizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia nunha serie de proxectos piloto que confirmaron que esta tendencia global proporcionaba as solucións máis axeitadas para a contorna e capacidade da Administración autonómica.