A Xunta renova o convenio con FADEMGA e Down Galicia para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na Administración
- O acordo contempla accións de formación e orientación previas ao ingreso na Administración e accións de apoio ao longo da súa carreira profesional
- O Goberno galego desenvolverá cursos de formación específicos e apoiará os procesos de inserción no entorno laboral así como o seguimento do desempeño laboral
- Actualmente hai 48 persoas empregadas públicas con discapacidade intelectual prestando servizos e convocaranse procesos selectivos nos que se ofertarán preto de 60 prazas para persoas con discapacidade intelectual
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026.- A Xunta, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, asinou hoxe a renovación dos convenios coa Federación Galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) e coa Federación Down Galicia para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na Administración e seguir así avanzando no camiño da plena integración.
Tal como recollen os convenios prorrogados, a Administración galega realizará actuacións que faciliten a adaptación ao entorno laboral das persoas con discapacidade. A colaboración engloba tanto accións de formación e orientación sociolaboral previas ao ingreso ou no inicio da prestación de servizos na Administración galega, como accións de apoio ao desenvolvemento nos postos de traballo ao longo da súa carreira profesional.
Entre as actuacións máis relevantes que se levarán a cabo están a realización de cursos de formación específicos previos ao ingreso na Administración da Comunidade Autónoma, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio do persoal das dúas asociacións. Prestarase tamén apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e ao entorno laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levarase a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que incluirá formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo.
Finalmente, o acordo inclúe a realización de talleres prácticos de intercambios de experiencias dirixidos ao persoal que realiza funcións de referencia no entorno de traballo das persoas con discapacidade.
As asociacións Down Galicia e Fademga teñen como finalidade coordinar, apoiar e impulsar a mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual e das súas familias a través de plena inclusión social e da utilización dos recursos da Comunidade. Ademais, traballan en promover proxectos de integración escolar, laboral e social; promover a autonomía persoal das persoas con discapacidade; e favorecer a súa inclusión social en todas as etapas da vida.
Unha traxectoria pioneira
O Goberno galego leva anos impulsando a inserción laboral e a formación do colectivo de persoas con discapacidade intelectual para a súa inclusión plena e efectiva. Foi o primeiro en realizar unha convocatoria de emprego público para persoas con discapacidade intelectual, da man das asociacións e entidades que traballan a favor de este colectivo.
Así, en 2018 convocouse o primeiro proceso selectivo da escala de persoal subalterno con discapacidade intelectual. Desde entón, tomaron posesión un total 66 persoas, das cales 48 están prestando servizos actualmente.
O proceso segue consolidándose e, deste xeito, convocaranse procesos selectivos nos que se ofertarán 30 prazas da escala de persoal subalterno, 20 prazas da especialidade de limpeza e cociña e seis prazas do corpo auxiliar administrativo da Administración xeral, das cales tres serán para a quenda de promoción interna separada.