Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta reforza o seu compromiso coa prevención, a sensibilización e a información á cidadanía sobre o xogo responsable

A Xunta reforza o seu compromiso coa prevención, a sensibilización e a información á cidadanía sobre o xogo responsable

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asinou hoxe convenios de colaboración coa Asociación Gallega de Ludópatas en Rehabilitación e coa Asociación Gallega de Jugadores Anónimos
  • O Goberno galego apoia deste xeito a prestación de atención especializada ás persoas que padecen ludopatías e problemas derivados da adicción ao xogo

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025.- A Xunta reforza o seu compromiso coa prevención e a información á cidadanía sobre xogo responsable, a través da sinatura de dous convenios de colaboración coas dúas asociacións galegas que prestan atención especializada a persoas que padecen ludopatías e problemas derivados da adicción ao xogo, a Asociación Gallega de Ludópatas en Rehabilitación (Agalure) e a Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (Agaja). 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo en valor que a sinatura destes acordos é unha boa mostra do interese do Goberno galego en garantir un xogo responsable e prestar especial atención aos colectivos máis vulnerables. Os convenios, dotados con 7.000 euros cada un deles, conceden unha subvención directa a favor de cada unha das entidades para o financiamento de parte dos gastos de aluguer e mantemento dos locais sociais das asociacións. 

Agalure e Agaja son as dúas únicas asociacións que, de xeito específico, tratan os problemas derivados de condutas aditivas relacionadas co xogo a prol da prevención, promoción, divulgación, información e asesoramento en materia de xogo responsable e o conselleiro de Facenda aproveitou a ocasión para destacar que o seu traballo constitúe unha actividade de interese público en Galicia.

Agalure e Agaja
A Asociación Gallega de Ludópatas en Rehabilitación ofrece ás persoas que padecen a enfermidade da ludopatía ou outras adiccións sen substancias ou de comportamento e ao seu entorno a atención médica e psicoterapéutica, así como o asesoramento xurídico e os apoios necesarios para a rehabilitación e inclusión social dos afectados. Ademais, traballa na detección das persoas afectadas por este problema coa finalidade de facilitar a realización das actuacións preventivas necesarias e que fomente o apoio e a comprensión social a este colectivo.

Por outra banda, a Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (AGAJA) desenvolve actividades terapéuticas para a recuperación de persoas ou colectivos con trastornos de conduta ou control derivados dos xogos do azar ou semellantes, xunto con medidas para apoiar a súa reinserción social e a do seu entorno máis próximo. Tamén leva a cabo iniciativas de sensibilización á sociedade en xeral, e sobre todo nos ámbitos familiar, escolar e laboral, sobre os riscos que os xogos de azar supoñen ao xogador habitual e os seus familiares.