A Xunta reforza nos Orzamentos de 2025 o Fondo de Cooperación Local ata os 168M€, 10 millóns máis que neste exercicio

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participaron, xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, na sesión da Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro
- Miguel Corgos subliñou o incremento desta dotación, un 6,3% por riba da suba media do Orzamento
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciaron hoxe que nos Orzamentos para 2025 a Xunta reforzará o Fondo de Cooperación Local ata os 168 millóns de euros, 10M€ máis que neste exercicio.
Tras a súa participación, xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, na sesión da Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, subliñou o incremento desta dotación, un 6,3% por riba da suba media do Orzamento.
Así mesmo, Miguel Corgos precisou que os orzamentos do vindeiro ano recollen a demanda trasladada pola Fegamp de incrementar o fondo base do Fondo de Cooperación Local, en concreto en 5,4 millóns de euros, que se repartirán entre os concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen menos ingresos, os que máis dependen das transferencias doutras administracións e os que teñen menos capacidade de aforro.
Cómpre sinalar que Galicia foi unha comunidade pioneira en establecer desde 2011 un instrumento de financiamento estable das entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local. Regulado anualmente a través das leis de orzamentos da comunidade, establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos.
Ademais, a Xunta leva anos reclamándolle ao Goberno central a definición dun novo modelo de financiamento local que teña presente as especiais características da comunidade, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento e que esa negociación se realice de forma paralela á do financiamento autonómico. Búscase así garantir a suficiencia financeira dos concellos pero, mentres, desde a Xunta, estase a compensar estes desfases con transferencias ás entidades locais tanto co Fondo de Cooperación Local como con outras liñas de axudas específicas.