Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta reforza a asistencia aos contribuíntes coa prestación de axuda na confección da autoliquidación do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais

A Xunta reforza a asistencia aos contribuíntes coa prestación de axuda na confección da autoliquidación do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais

  • As cinco delegacións da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) na comunidade autónoma  ofrécenlles desde hoxe aos contribuíntes esta axuda de xeito presencial e telefónico 
  • A medida vai dirixida a todas as persoas físicas que ata o momento presentaban o ITPAXD en papel, por carecer de medios ou coñecementos para facelo de xeito telemático

A Xunta comeza hoxe a prestar asistencia aos contribuíntes para liquidar o imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados (ITPAXD), máis coñecido como modelo 600. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, informou hoxe ao Consello de Goberno de que as cinco delegacións da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) lles ofrecen aos contribuíntes esta axuda, de xeito presencial e telefónico.

A medida vai dirixida a todas as persoas físicas que ata o momento presentaban a autoliquidación dese imposto en papel, por carecer de medios ou de coñecementos para facelo de xeito telemático. Este novo servizo segue os pasos do implantado hai dous anos para asistir aos contribuíntes na confección da autoliquidación do imposto pola transmisión de vehículos de segunda man (modelo 620). Trátase dunha axuda moi ben aceptada e cunha valoración moi boa entre os cidadáns que, desde a súa posta en marcha en 2023, presentaron xa máis de 3.000 modelos por esta vía.

A Atriga detectou a necesidade desta axuda, posto que no ano 2024 presentáronse máis de 52.000 autoliquidacións en papel do modelo 600, preto dunha cuarta parte do total das presentadas. É por iso que, a partir de hoxe, todos os contribuíntes que desexen asistencia para a confección e presentación do modelo 600 en operacións como a compravenda de inmobles de natureza urbana ou rústica, a de bens mobles, coa excepción dos vehículos que tributan polo modelo 620, a transmisión ou constitución de dereitos reais, o arrendamento de leiras, os préstamos entre particulares, a declaración de obra nova ou a cancelación de hipotecas poden facelo en calquera das delegacións da Atriga.

A Axencia Tributaria de Galicia dá un paso máis no seu obxectivo de conseguir unha Administración que se achegue á cidadanía, facilitándolle o acceso á información e aos seus servizos, maior axilidade na tramitación e redución nos tempos de resposta, para mellorar a calidade e eficiencia do servizo ofrecido.

Trátase de seguir simplificando a asistencia aos contribuíntes e axilizar e personalizar os trámites coa Atriga, facendo realidade o seu lema Atriga contigo!, tras a posta en marcha e continua mellora de sistemas de información e axuda a través dunha web renovada, a aplicación móbil, a asistencia presencial, e proximamente, a videoasistencia.