Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta presenta a súa Estratexia Dixital a responsables tecnolóxicos de empresas e institucións de América Latina e Caribe

A Xunta presenta a súa Estratexia Dixital a responsables tecnolóxicos de empresas e institucións de América Latina e Caribe

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou nun encontro organizado polo Clúster TIC, dentro da misión tecnolóxica inversa que están a desenvolver estes días en Galicia
  • Julián Cerviño explicou aos asistentes o modelo de xestión da Axencia e as grandes liñas estratéxicas que está a desenvolver a Xunta para consolidar a transformación dixital de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025.- O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, participou esta mañá nun encontro cunha quincena de responsables tecnolóxicos de empresas e institucións de México, Colombia e República Dominicana, así como co Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), organizado polo Clúster TIC de Galicia no marco dunha misión tecnolóxica inversa, que busca amosar o potencial tecnolóxico da Comunidade e establecer pontes de colaboración internacionais.

O obxectivo da reunión, celebrada no GaiásTech, foi dar a coñecer o modelo de xestión da tecnoloxía en Galicia e as grandes liñas de actuación da Administración autonómica para impulsar a transformación dixital da Comunidade.

O director da Amtega explicou como o Goberno galego decidiu concentrar nun único órgano a xestión das políticas tecnolóxicas e creou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en 2012. Desde entón, puxéronse en marcha tres axendas dixitais, que investiron preto de 2.900 millóns de euros, entre capital público e privado, en iniciativas para dixitalizar os servizos públicos, mellorar a conectividade e impulsar a capacitación dixital da sociedade.

Julián Cerviño sinalou que, tras avanzar na dixitalización, Galicia aposta pola especialización tecnolóxica, como recolle a actual Estratexia Galicia Dixital 20230. Así, destacou algúns dos proxectos singulares que se están a desenvolver baixo esta premisa como a Estratexia Intelixente do Dato, a Estratexia Cloud ou a automatización no ámbito da Administración dixital, e outros como o novo modelo dixital de atención sociosanitaria, o xemelgo dixital de Galicia ou a rede de nodos de especialización en 5G, IA e Ciberseguridade.

Ademais, o director da Axencia destacou as iniciativas pioneiras de Galicia no ámbito da intelixencia artificial como ser a primeira comunidade que contará cunha Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial no seu territorio; estar, tamén, entre as primeiras que aprobaron unha Estratexia de IA e acadar a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.

Pola súa parte, o subdirector de Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, trasladou as boas prácticas da administración sanitaria galega no uso e difusión das TIC. 

Así, o Servizo Galego de Saúde mobiliza 60 millóns ao ano en compra e mantemento de tecnoloxía, a través dunha contratación pública aberta na que participan máis de 50 empresas do sector tecnolóxico a través de máis de 150 contratos. 

Rosón subliñou o gran uso que fai a cidadanía das canles telemáticas da sanidade pública, con máis de 1,5 millóns de usuarios.