Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta prepara o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027 para incorporar esta tecnoloxía na administración e promover o seu uso entre a cidadanía e as empresas

A Xunta prepara o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027 para incorporar esta tecnoloxía na administración e promover o seu uso entre a cidadanía e as empresas

  • O documento identificará e priorizará os recursos da Administración autonómica e promoverá sinerxías entre os departamentos para facilitar a adopción da intelixencia artificial
  • Con esta folla de ruta, a Xunta busca reforzar a aposta de Galicia pola intelixencia artificial 


Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024.- A Xunta de Galicia inicia a elaboración do Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027 que facilitará o despregamento da futura Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia artificial en Galicia. Este programa dará prioridade aos recursos cos que conta a Administración neste ámbito, optimizando esforzos e promovendo sinerxías entre departamentos. O documento recollerá as medidas e actuacións previstas, tanto para incorporar a IA ás consellerías, como para promover o seu uso por parte da cidadanía e do tecido empresarial.

Fitos e prazos
O proceso de elaboración comezará na primeira quincena de xaneiro, cunha reunión de lanzamento coas consellerías, na que se formalizarán os grupos de traballo. A redacción do programa desenvolverase entre xaneiro e febreiro, incluíndo sesións de traballo co ecosistema da IA en Galicia, como paso previo á aprobación definitiva en Consello. 

Na elaboración do Programa terán un peso destacable as achegas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como principal entidade promotora da dixitalización de Galicia e do despregamento da IA no conxunto da rexión; do Instituto Galego de Promoción Económica, de cara á adopción da IA polas empresas; e da Axencia Galega de Innovación como entidade promotora da innovación na rexión, en colaboración coas consellerías a través de grupos de traballo.

A elaboración desta folla de ruta busca reforzar a aposta de Galicia pola intelixencia artificial nun ano no que conflúen diferentes fitos favorables para iso. Por un lado, publicarase o balance 2021-2024 da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030. Por outro lado, en 2025 entrará en vigor a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia. Ademais, Galicia optará a converter o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nunha das Factorías de Intelixencia Artificial que convoca a Comisión Europea. E tamén hai que lembrar que, a Comunidade conseguiu que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) tivese a súa sede na Coruña. Desde o punto de vista do financiamento, tamén xorden oportunidades derivadas da reprogramación do Programa Feder Galicia 2021-2027 a través da reorientación dalgúns programas ás necesidades da cidadanía e empresas en materia de intelixencia artificial.