Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta pon en marcha obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas

A Xunta pon en marcha obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas

  • Desenvolveranse entre os meses de xullo e setembro nas aulas da Rede CeMIT, cun total de 28 sesións, e dúas adicionais no centro GaiásTech da Cidade da Cultura 
  • Os obradoiros teñen por obxectivo dar visibilidade ao rol das mulleres no eido tecnolóxico e as referentes neste campo, para fomentar a súa presenza das nas carreiras STEAM
  • As actividades comezan mañá na aula CEMIT do concello ourensán de Leiro

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025.  A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia promove durante o verán un novo ciclo de obradoiros Girl STEAM en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol das mulleres no eido tecnolóxico e as referentes neste campo, para fomentar a súa presenza nas carreiras STEAM. 

As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de 28 obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas da Rede CeMIT, e adicionalmente tamén se celebrarán dous obradoiros no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura. O primeiro obradoiro comeza mañá, 2 de xullo, na aula do concello ourensán de Leiro.

Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para alumnado de entre 9 e 11  anos e outra para idades comprendidas entre os 12-16 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda. 

Contidos dos obradoiros
Os nenos que participen nos obradoiros realizarán actividades como a creación de autómatas de cartón que se poñerán en funcionamento a través dun motor que se pode programar, partindo dun kit de robótica; e a creación dunha escenografía móbil nunha caixa de sombras e gravación dun vídeo que incluirá os autómatas creados na primeira actividade. 

Presenza das mulleres nos eidos STEAM
O obxectivo desta actividade é o de impulsar a promoción das vocacións tecnolóxicas desde idades temperás entre ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas (STEAM), así como apostar por profesións do ámbito TIC. 

No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración e o traballo en equipo, e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento. 

Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración de carácter anual entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica Informática (CPETIG) co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.