A Xunta mobilizou a totalidade dos recursos dispoñibles dos fondos MRR mediante licitacións e subvencións
- A execución financeira destes recursos, unha vez acreditado o cumprimento dos fitos e obxectivos establecidos, pode prolongarse máis aló do segundo trimestre de 2026, en ámbitos concretos como, por exemplo, vivenda, infraestruturas sociais ou axudas a renovables ou mobilidade
- A execución dos fondos MRR crece un 15 % no segundo trimestre do ano, ata acadar os 1.400 M€
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR
A Xunta de Galicia mobilizou a totalidade dos recursos dispoñibles dos fondos MRR mediante licitacións e subvencións. Así se reflicte no informe que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou ao Consello do Goberno galego referido á execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
O documento precisa que a execución financeira destes recursos, unha vez acreditado o cumprimento dos fitos e obxectivos establecidos, pode prolongarse máis aló do segundo trimestre de 2026, en ámbitos concretos como, por exemplo, vivenda, infraestruturas sociais ou axudas a renovables ou mobilidade. E subliña que a execución dos fondos MRR crece un 15 % no segundo trimestre do ano, ata acadar os 1.400 M€, que xa foron pagados ás empresas, persoas físicas, autónomos e outras entidades e sociedades.
Miguel Corgos recordou que as directrices de peche do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia emitidas pola Comisión en abril de 2026 establecen que todos os fitos e obxectivos do plan deben estar completados a 31 de agosto de 2026 e os Estados Membros dispoñen de prazo ata o 30 de setembro de 2026 para presentar a última solicitude de pagamento coa súa correspondente documentación xustificativa. Porén, a execución financeira de recursos procedentes do MRR transferidos ás comunidades autónomas poderá prolongarse máis aló do segundo trimestre de 2026 en ámbitos como a vivenda ou infraestruturas sociais.
Ademais, o conselleiro de Facenda e Administración Pública expuxo que a Disposición Adicional 3ª do recente RDL 18/2026 aprobado o pasado 29 de xuño, abre a posibilidade de que os remanentes das convocatorias de subvencións asociadas a fitos e obxectivos da última solicitude de pagamento á Comisión Europea poidan ser destinados á execución de actuacións dentro das mesmas políticas de gasto, sempre que os Ministerios dean a súa autorización.
Os MRR presentan unha elevada diversidade de destinatarios. Así, os recursos xestionados pola Xunta beneficiaron ou están a beneficiar a cidadanía e fogares, persoas en situación de dependencia, alumnado e profesorado, persoas desempregadas, mulleres do medio rural, colectivos vulnerables, empresas e persoas autónomas, entidades locais, universidades, centros de investigación, entidades sociais, centros sanitarios, profesionais, pacientes, usuarios do transporte público e promotores de vivenda social, entre outros.
Ata o 30 de xuño de 2026 víronse beneficiados directamente dos recursos do MRR xestionados pola Administración galega preto de 48.000 persoas físicas, 8.250 autónomos e case 7.500 entidades e sociedades. E, entre os principais proxectos destacan: o reforzo do turismo sostible; axudas para a transformación de flotas de transporte por estrada; actuacións de renovación ou construción de centros residenciais, non residenciais e de día; axudas para a rehabilitación de edificios; investimento en equipos de alta tecnoloxía no eido sanitario; axudas para a agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0; ou o fomento da economía circular.