A Xunta leva adxudicados máis de 1.230 M€ dos fondos MRR, o 76% do importe ingresado

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR correspondente ao cuarto trimestre de 2024
- Máis de 45.000 persoas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades se beneficiaron destes fondos
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025.- O importe adxudicado dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta de Galicia acada os 1.231 millóns de euros, o 90% do importe publicado en convocatorias e licitacións e o 76% do ingresado.
A boa execución en Galicia tamén a confirman os datos do Ministerio de Economía, que din que a taxa de resolución de Galicia, sen as entidades locais, é a segunda máis alta en España, 79,7% (18,3 puntos e 17,6 puntos máis que a media das CC.AA. e a AXE, respectivamente).
Segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na reunión do Consello, o Goberno central asignou á CA de Galicia un importe adicional de 200 millóns de euros, que se concentran nos ámbitos de dixitalización, sanidade, formación profesional, rehabilitación de vivenda e tratamento de residuos, entre outros. Así, a suma total de asignacións ascende agora a 1.745 millóns de euros. Desa cantidade, os ingresos recibidos que a Xunta ten a disposición para a execución do MRR ascenden a 1.624 M€. Hai que lembrar que estes fondos se poden executar ata o ano 2026.
Ademais, máis de 45.000 persoas físicas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades beneficiáronse dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do cuarto trimestre de 2024. De feito, o MRR xestionado pola Xunta terá un impacto a medio e longo prazo na contorna de dúas décimas de media anual no PIB, segundo as estimacións do IGE a partir do modelo QUEST III R&D que emprega a Comisión Europea para a análise cuantitativa de políticas.
As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia relacionadas coa mobilidade sostible, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.
Pola súa banda, o Goberno central concentra a xestión dos PERTE – deseñados para o financiamento dos proxectos estratéxicos transformadores de colaboración público privada-, non permitindo que as CC.AA. interveñan na xestión dos proxectos industriais tractores. Hai 12 PERTEs aprobados, cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron 14.574 M€ (35%). A dotación dos PERTE supón o 25% dos recursos totais do PRTR, incluíndo os recursos adicionais da Addenda.
A participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTE é do 5,5% do asignado en toda España (804 M€), por riba do que lle correspondería por PIB, o que amosa a competitividade dos proxectos presentados pola comunidade galega.