A Xunta investirá 200 M€ ata 2026 para implementar tecnoloxías de intelixencia artificial na práctica sanitaria
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública pechou a xornada da mañá do IV Foro Económico Galicia – El Español
- Puxo en valor a especialización tecnolóxica de Galicia para o desenvolvemento da Comunidade
A Coruña, 10 de xuño de 2025.- A Xunta investirá 200 millóns de euros ata o 2026 para implementar tecnoloxías de intelixencia artificial na práctica sanitaria. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o peche da xornada de mañá do IV Foro Económico Galicia –El Español titulado A Galicia que vén.
Son fondos contemplados no Plan de Transformación e saúde dixital que fan a Galicia pioneira en implementar e explotar a xestión de datos e aplicar ferramentas de IA no sistema sanitario. Isto permite axilizar e afinar diagnoses, predicir o risco de enfermidades e anticiparse, personalizar a atención e os tratamentos, monitorizar pacientes ou mellorar a xestión das citas.
Deste xeito, Miguel Corgos puxo en valor a especialización tecnolóxica de Galicia para o desenvolvemento da Comunidade. O responsable da Facenda galega destacou que Galicia conta cun “ecosistema dixital consolidado”, que medra de xeito constante e que suma xa máis de 3.100 empresas, preto de 23.000 persoas traballadoras e un volume de negocio duns 3.700 millóns de euros.
E isto foi posible grazas á aposta da Administración autonómica pola transformación dixital. A posta en marcha de dúas axendas dixitais nunha década, entre 2010 e 2020, permitiu lograr fitos tan destacados, explicou Corgos, como o de ter un territorio conectado con acceso case universal aos servicios de Internet, o desenvolvemento dos servizos públicos modernos, próximos e accesibles e ofrecer á sociedade a capacitación para acceder a estas novas contornas dixitais.
E con esta base, a terceira Axenda Dixital 2020-2030 xa pode poñer o foco “na especialización tecnolóxica”, cunha forte aposta pola intelixencia artificial. Porque a IA mellora a toma de decisións, a competitividade e a optimización dos sectores produtivos e a Xunta quere aproveitala para mellorar o sector empresarial e o benestar da cidadanía.
Galicia foi das primeiras comunidades en atender a recomendación da UE de elaborar unha estratexia de IA e, a partir de aí, atraer a AESIA para Galicia e desenvolver e aprobar unha Lei de IA pioneira, con visión humanista, que favorece a competitividade e o progreso económico e empresarial e, ao mesmo tempo, garante os dereitos dos galegos e as galegas ante o uso da IA polas Administracións, precisou Corgos.
Especialización dixital do territorio
O conselleiro de Facenda insistiu na necesidade de consolidar a especialización dixital de Galicia, desenvolvendo de xeito harmónico os distintos territorios que conforman Galicia. Así, A Coruña identifícase coa intelixencia artificial, ao acoller a sede da AESIA e pola cidade das TIC. Pola súa banda, Santiago de Compostela está ligada ao desenvolvemento da Administración e os servizos dixitais, impulsados pola Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Lugo vincúlase aos vehículos aéreos non tripulados grazas ao Polo Aeroespacial de Galicia, situado nas Rozas. Vigo representa o despregue de redes de telecomunicacións, con iniciativas como o Laboratorio 5G e Ourense coa a capital galega da ciberseguridade, grazas ao futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade.
Usos da IA na Administración
O Conselleiro de Facenda e Administración Pública puxo varios exemplos máis de iniciativas xa en marcha baseadas na intelixencia artificial, como a Plataforma de Territorio intelixente, que xestiona datos de diferentes fontes e procésaos con estas tecnoloxías para mellorar a toma de decisión e facer predicións. A Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas) é outro proxecto que permite a instalación de sensores para o control de caudais, medicións ambientais ou fluxos de persoas.
A IA nunca vai substituír “o noso pensamento crítico e a nosa creatividade”, advertiu Corgos, pero “pode liberarnos de tarefas repetitivas e eliminar erros”.