A Xunta esixe ao Goberno central unha concreción global dos recursos e da proposta de estrutura do modelo do SAF e a actualización das entregas a conta

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, manifesta a necesidade de dar “pasos firmes” cara ao avance na definición dun novo modelo de financiamento, auténtica prioridade da comunidade galega
Santiago de Compostela, 13 de febreiro 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, esixe ao Goberno central unha concreción global dos recursos e da proposta de estrutura do modelo co que se financiarán as comunidades autónomas, así como a actualización das entregas a conta.
O responsable da Facenda pública galega sostén que o Goberno central ten que achegar unha visión completa do novo modelo de financiamento, e explicar como impactará no Sistema de Financiamento Autonómico (SAF) a proposta de financiamento singular pactada cos partidos independentistas cataláns, “porque o resto de comunidades somos parte afectada pola mesma”, di, ao tempo que urxe ao goberno central a actualizar xa as entregas a conta para 2025, porque están creando problemas de tesourería ás CC.AA. cando ten na súa man facelo.
Logo de lembrar que a reunión do Comité técnico permanente de avaliación do sistema de financiamento, que tivo lugar onte, foi unha xuntanza técnica para falar da definición das variables que determinan as necesidades de financiamento das CCAA. - a chamada ‘poboación axustada’-, así como do cálculo dos recursos tributarios computables para o sistema, coñecida como ‘recadación normativa’, Miguel Corgos manifesta a necesidade de avanzar na definición dun novo modelo de financiamento, auténtica prioridade da comunidade galega, e non volver sobre asuntos parciais xa tratados hai tres anos.
Así, respecto á análise presentada no comité, considera que, tanto polo fondo como pola forma, este non é o camiño conducente a unha revisión efectiva do sistema. E sostén que a pouca información aportada polo Ministerio é tan ambigua que dificulta o cálculo efectivo dos recursos que asigna a Galicia e a súa evolución.
“En calquera dos múltiples escenarios simulados a partires dos datos do Ministerio, Galicia perde poboación axustada e, por tanto, financiamento, o cal non se corresponde coas nosas necesidades reais”, precisa.
Para o conselleiro de Facenda e Administración Pública é “unha mágoa” que o Executivo de Pedro Sánchez non aproveitase estes tres anos para avanzar no cálculo do custe efectivo dos servizos en cada comunidade autónoma.